Ir o contido principal

A USC e a UDC presentaron o grao en Paisaxe

Representantes académicos da USC e da UDC presentaron o novo grao na Coruña
Representantes académicos da USC e da UDC presentaron o novo grao na Coruña

As universidades de Santiago e A Coruña iniciarán o vindeiro curso académico a impartición do novo grao en Paisaxe, único no ámbito académico de España, e que se presentou ante os medios de comunicación este venres na Coruña. Na presentación participaron o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López; a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente da UDC, Nancy Vázquez; a coordinadora do grao, a profesora da UDC Cristina García Fontán; e a coordinadora do título pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, Isabel Iglesias.

O vicerreitor Roberto López afirmou que o tratamento da Paisaxe “é ordenar, reestruturar, reformar, recuperar e organizar o espazo no que se inclúen arquitecturas”. López destacou a cooperación e sinerxías que achegan as dúas institucións universitarias que dan soporte á nova titulación ao por a disposición do futuro alumnado o coñecemento de tres centros de dúas universidades, que fará que cubran unha carencia profesional da que non existía formación en España. Pola súa banda, a profesora da EPSE Isabel Iglesias recalcou a singularidade deste título porque conta cunha formación técnica que non teñen outros ao estar incluído na área de coñecemento de Arquitectura. Abriranse 50 prazas e o estudantado poderá matricularse indistintamente nas universidades da Coruña ou de Santiago de Compostela.

Cristina García Fontán explicou que o grao en Paisaxe conta cunha longa tradición noutros países como Portugal ou Francia con denominacións como Arquitectura da Paisaxe ou Paisaxismo, polo que o grao galego vén cubrir unha carencia de formación e de profesionais en España así como a establecer unha relación con resto de Europa. A coordinadora da titulación detallou os contidos do plano de estudos que atende a unha complexidade derivada das competencias formativas que acadarán os/as titulados/as, entre os que se atopan actuacións estéticas, produtivas ou restauradoras.

Paisaxe integra disciplinas como urbanismo, topografía, arquitectura, medio ambiente, botánica, edafoloxía, arte, economía ou socioloxía, entre outros. Terá 240 créditos en catro anos, dos que os dous primeiros impartiranse na EPSE de Lugo e os outros dous na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. As prácticas externas serán obrigatorias e, segundo adiantou García Fontán, hai xa unha listaxe de entidades e empresas interesadas en acoller a este alumnado en prácticas. No desenvolvemento deste título está implicada, ademais das dúas escolas, a Facultade de Xeografía e Historia da USC.

Finalmente, a vicerreitora de Oferta Académica da UDC comentou a complexidade que supuxo poñer en marcha o primeiro Grao Interuniversitario en Galicia, por non haber experiencias anteriores e pola transversalidade dun título no que hai sete áreas de coñecemento implicadas. “ Este título vai traer consecuencias importantes para Galicia e vai ser un referente a nivel nacional en formación e investigación”, valorou Vázquez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.04.2018.