A USC e a Universidade chilena de Magallanes formalizan a súa colaboración para o intercambio de persoal docente e investigador

As Universidades de Santiago de Compostela e de Magallanes (Chile) intercambiarán persoal docente e investigador en virtude do convenio de colaboración que este martes asinaron no Colexio de San Xerome os seus reitores, Senén Barro e Víctor Fajardo Morales, respectivamente. No acto tamén estiveron presentes o vicerreitor de Relacións Exteriores, Lourenzo Fernández, e o catedrático, Luís Castedo.
Durante o primeiro semestre do ano académico, cada Departamento interesado proporá a unha ou máis persoas, ata un máximo de catro, para participar en docencia ou investigación no seguinte curso na outra Universidade por un período mínimo dunha semana e máximo de seis meses.
Intercambio de estudantesXunto co persoal docente e investigador, ambas as dúas universidades intercambiarán tamén estudantes, principalmente de Terceiro Ciclo, coa convición de contribuír deste xeito á amizade e comprensión internacionais e ao coñecemento global de ambas institucións. Neste caso, o período de intercambio poderá chegar ao ano.