USC e Universidade de Coimbra reflexionan sobre os problemas e retos do Dereito actual
As Facultades de Dereito da USC e da Universidade de Coimbra manteñen unha longa relación académica e institucional que, ademais de en múltiples proxectos, plásmase coa celebración dunhas xornadas bianuais de intercambio científico que teñen lugar alternativamente en Coimbra e en Compostela. Baixo o lema ‘Problemas e retos do dereito actual’, a USC acolle este xoves 13 a primeira sesión das denominadas ‘xornadas conimbricenses’.
Ata este venres 14, o foro servirá para profundar en cuestións como o arrendamento no dereito romano, o dereito á dignidade, os actos administrativos, ou a intelixencia artificial no eido tributario, entre outros aspectos que serán analizados a través de diversas mesas redondas. “Retomamos esta actividade tras unha longa paréntese de case dez anos”, apuntan dende a organización das xornadas que se celebran na Facultade de Dereito da USC.
O reitor Antonio López presidiu a sesión inaugural, acompañado da decana do centro, Ana Gude, e José Manuel Gonçalves Santos Quelhas, en representación da Facultade de Dereito da Universidade de Coimbra.