Ir o contido principal

USC e Universidade do Paraná perfilan dobres títulos internacionais dos graos en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Civil e Forestal

Recepción da delegación académica da UTFPR na vicerreitoría de Coordinación de Lugo
Recepción da delegación académica da UTFPR na vicerreitoría de Coordinación de Lugo
O alumnado da EPS de Enxeñaría do Campus Terra acadaría o título oficial homologado en Brasil tras completar un ano académico na UTFPR a partir do curso 2018-19

Os estudantes de grao da Escola Politécnica Superior Enxeñaría do Campus Terra da USC poderían obter a partir do próximo curso 2018-2019 o título brasileiro correspondente aos graos en Enxeñaría Agrícola e Alimentaría, Enxeñaría Civil e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural se completan un curso académico na Universidade Tecnolóxica Federal do Paraná (UTFPR).

O consenso dos requirimentos que se plasmarán no futuro acordo para a expedición de dobres graos internacionais no eido das enxeñarías entre a EPS de Enxeñaría de Lugo e a primeira universidade tecnolóxica de Brasil, centra este xoves no Campus Terra da USC unha xuntanza de traballo entre a delegación da Universidade Tecnolóxica Federal do Paraná desprazada ata Lugo e responsables académicos da USC.

A UTFPR é unha universidade pública mantida polo goberno federal e a súa sede está localizada na cidade de Curitiba, capital do estado brasileiro do Paraná. Trátase dunha universidade que conta con trece campus, distribuídos nas cidades de Apucarana, Campo Mourão, Cornélio Procópio, Curitiba, Dois Vizinhos, Francisco Beltrão, Guarapuava, Londrina, Medianeira, Pato Branco, Ponta Grossa e Toledo. As relacións bilaterias entre a USC e a UTFPR son estables e sustentables no tempo, como o proba o feito de que as dúas institucións académicas teñen asinado un convenio de cooperación internacional, demais doutros acordos específicos de intercambio de estudantes e de PDI.

Neste contexto de bo entendemento, comezaron hai xa anos os primeiros contactos interuniversitarios para estudar a posibilidade de ofertar títulos dobres no eido das enxeñarías que posibilitaran aos titulados e tituladas o exercicio profesional tanto en Brasil como en España, e por extensión, no contexto europeo. As negociacións mantidas neste tempo non chegaron a traducirse en froitos concretos, aínda que a revitalización das estratexias de internacionalizacón por parte da USC, especialmente no que atinxe á procura de dobres títulos con universidades internacionais, reactivaron os contactos cos UTFPR e propiciaron esta nova visita desta delegación brasileira á EPS de Enxeñaría.

O obxectivo deste novo encontro bilateral e activar para o próximo curso a oferta de dobres títulos internacionais. A sesión comezou cunha recepción institucional aos directores da oferta de títulos de grao da UTFPR nos campus de Dois Vizinhos, Pato Branco, e Ponta Grossa, Fabiana D. A. Miranda, Nilvania Aparecida de Mello, e Lourival Aparecido de Góis, respectivamente, na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo. O vicerreitor Javier Bueno, o director da EPS de Enxeñaría, Tomás Cuesta e o tamén profesor da USC e asesor para a internacionalización da oferta docente da USC, Héctor Rodríguez Martínez, mantiveron este primeiro encontro coa delegación brasileira.

Xa en quenda de tarde, os responsables académicos da UFTPR mantiveron unha xuntanza de traballo cos coordinadores dos títulos de grao en Enxeñaría Civil, Carlos Núñez Temes; Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Adolfo López Fabal, e de Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Guillermo Riesco. O coordinador do máster en Enxeñaría de Montes da USC, Juan Gabriel Álvarez, e o director da EPS de Enxeñaría, Tomás Cuesta, tamén participaron na sesión na que se perfilaron outros detalles do acordo, a partir do que previsiblemente o centro universitario lugués e a Universidade Tecnolóxica Federal do Paraná expedirán, a partir do curso 2018-2019, dobres títulos de grao internacionais en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Civil e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural. O programa académico destes títulos de grao universitario teñen en Brasil unha duración de cinco anos, o que implica un curso académico máis que na EPS de Enxeñaría.

O acordo que xa teñen avanzado a USC e a UTFPR para a oferta de títulos dobres internacionais das citadas enxeñarías permitiría ao alumnado da EPS de Enxeñaría do Campus Terra obter o título universitario correspondente en Brasil logo de completar un curso académico na UTFPR, ademais de abrir novas posibilidades para ampliar a súa formación na institución académica brasileira.

A experiencia de vivir un ano en Brasil e as posibilidades de exercer a profesión regulada neste país e de aproveitar así as relacións comerciais existentes con este país suramericano constitúen un atractivo engadido desde a perspectiva profesional para os futuros egresados e egresadas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, segundo salienta Cuesta. O director da EPS de Enxeñaría entende tamén que a activación destes dobres títulos internacionais é unha pasarela para que os enxeñeiros brasileiros poidan desenvolver o seu cometido profesional en Europa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.11.2017.