Ir o contido principal

A USC, entre as universidades máis destacadas do mundo en Ciencias da Computación, Enxeñaría e Tecnoloxía

Imaxe de arquivo dos laboratorios da ETSE da USC. Foto: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dos laboratorios da ETSE da USC. Foto: Santi Alvite
A edición 2020 de Times Higher Education (THE) por áreas de coñecemento vén de situar tamén á USC como unha das mellores universidades do mundo en Artes e Humanidades
Lugo, Santiago de Compostela

O World University Ranking 2020 de Times Higher Education (THE) acaba de situar á USC no intervalo 501-600 no eido das Ciencias Computacionais, así como no ámbito das Enxeñarías e Tecnoloxía. A Universidade ocupa o quinto lugar de entre as 28 universidades españolas que integran o ránking de Ciencias da Computación; mentres que en Enxeñaría, sitúase en sexto lugar con respecto ás 40 institucións españolas incluídas.

A clasificación está elaborada en base a trece indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia (30% da valoración final), investigación (30%), citacións (30%), proxección internacional (7,5%), e transferencia de coñecemento (2,5%). No caso das Ciencias Computacionais, citacións e transferencia son os ámbitos mellor valorados da USC. No tocante ás Enxeñarías, destacan tamén as citacións xunto coa proxección internacional. De entre 1.400 universidades de 92 países, o ránking THE xa situara o pasado setembro, na súa clasificación global, á Universidade compostelá entre as mellores institucións universitarias do mundo, concretamente no intervalo 601-800, mantendo así a posición alcanzada nos últimos tres anos.

Líderes en Humanidades

A edición 2020 de Times Higher Education (THE) por áreas de coñecemento vén de situar tamén á USC como unha das mellores universidades do mundo no eido das Artes e Humanidades. A Universidade compostelá figura no intervalo 301-400 nunha listaxe para cuxa elaboración se teñen en conta indicadores de rendemento similares aos da clasificación global recalibrándoos para adaptarse aos campos específicos. Na clasificación correspondente a Arte e Humanidades, están englobados os estudos relativos a arte, artes escénicas, lingua, historia, filosofía, teoloxía, arquitectura ou arqueoloxía, entre outros.

Intervalo de Enxeñaría e Tecnoloxía Intervalo de Ciencias da Computación

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2019.