A USC, entre as universidades líderes da investigación en España
A USC atópase entre as universidades líderes en canto a xestión da investigación en España, concretamente por volume de I+D+i contratada (6º posto), número de contratos de licenza (6º), sexenios por PDI (6º), patentes solicitadas (7º), Empresas de Base Tecnolóxica creadas (9º) e volume de I+D+i contratada por PDI (11º), segundo datos do Informe 2007 da Rede OTRI. Así o explicaron o reitor da USC, Senén Barro, e a vicerreitora de Investigación, María José Alonso, nunha rolda de prensa celebrada no Colexio de Fonseca e á que tamén asistiu o coordinador de xestión e promoción da investigacion, Javier Sardina.
Durante 2007 a USC captou 62,67 millóns de euros de recursos externos por accións competitivas e baixo contratos ou convenios para o desenvolvemento da súa actividade investigadora. Do total, 25,09 millóns corresponderon a proxectos e accións competitivas e 37,58 millóns a proxectos baixo contrato ou convenio, cun destacado incremento dos ingresos por convocatorias de recursos humanos (11,69 millóns), captación de proxectos nacionais (13,20 millóns) e contratos ou convenios con administracións públicas e empresas (10,35 e 9,71 millóns respectivamente). Se a esta cantidade se lle inclúen os recursos externos captados por proxectos europeos e para grandes infraestruturas e edificacións o total de recursos externos para I+D captados en 2007 achégase aos 80 millóns de euros.
A vicerreitora tamén destacou que outro apartado no que se vai dar un salto importante no volume de recursos a xestionar será o da participación nos programas europeos. Así, mentres no 6º Programa Marco da UE, correspondente ao período 2002-2006, a USC xestionou unha media anual de 0,98 millóns de euros, para o primeiro ano do 7º Programa Marco estímase que esta cifra se elevará ata os 2,39 millóns.
No ámbito español as áreas nas que os equipos da USC manifestan unha maior capacidade competitiva son as de saúde e farmacia, química, física e bioloxía, todas elas, segundo destacaron na rolda de prensa, dunha gran tradición e coa capacidade crítica suficiente para competir no ámbito estatal. Mención especial tamén recibiu a área de Humanidades, con máis dun millón de euros captados. Xa no espazo galego, os programas do Plan Galego de I+D+i cun maior volume de recursos xestionados son os de ciencias da saúde e medio rural, mariño, natural e desenvolvemento sostible.
Polo que respecta aos contratos, o maior volume de recursos captados procede do campo dos proxectos en farmacoquímica e saúde (4,62 millóns de euros), seguidos dos de medio ambiente (3,38), estudos sociais (3,26), recursos mariños e acuicultura (2,39) ou tecnoloxía de alimentos (1,96), entre outros.
Transferencia de tecnoloxíaA transferencia de resultados de investigación é outro dos indicadores que poñen de relevo a capacidade investigadora da institución compostelá xa que nos anos 2006 e 2007 o promedio anual de solicitudes de patentes rexistradas ascendeu a 23 fronte ás 16 dos anos 2003, 2004 e 2005. Igualmente, o número de licencias concedidas pasou das 3 do período 2003-2005 ás 4,5 dos dous pasados anos.
Por outra banda, a USC a través do Programa Uniemprende creou entre os anos 2004-2008 un total de 13 Empresas de Base Tecnolóxica (EBT), unha media de entre tres e catro por ano. No mesmo período as universidades de Vigo e A Coruña acubillaron a posta en marcha de oito e cinco EBT respectivamente, por unha do CSIC.
Neste capítulo, é de salientar tamén o liderado internacional da USC. Así, esta Universidade ostenta a presidencia da Rede Iberoamericana Universitaria de Incubación de Empresas e, por outra banda, é onde está emprazada a Cátedra Unesco de Innovación e Xestión da Cultura Emprendedora no Marco Universitario.
A USC no seu contornoXunto aos indicadores xa referidos, a USC atópase tamén entre as primeiras universidades de todo estado atendendo a indicadores bibliométricos ou participación en proxectos nacionais. No primeiro caso, a de Santiago foi en 2007 a sétima universidade española que máis artigos publicados rexistrou, 1.082, por detrás de Granada (1.198), Autónoma de Madrid (1.389), Autónoma de Barcelona (1.484), Valencia (1.519), Complutense (1.663) e Barcelona (2.393).
En canto a participación en proxectos nacionais, a de Santiago é a novena que máis recursos capta (10,38 millóns de euros), nunha listaxe encabezada polas universidades de Barcelona (16,80), Politécnica de Cataluña (15,33) e Complutense (14,21).
Infraestrutura e cadro de investigadoresOs máis de 1.700 investigadores activos en proxectos e contratos de I+D dispoñen para o desenvolvemento da súa actividade investigadora de 17 institutos de investigación, seis centros propios e as instalacións dos 76 departamentos da USC. Este cadro de persoal, ao que se suman máis de mil bolseiros e contratados, intégrase nalgún dos 289 grupos de investigación con actividade financiada nos últimos cinco anos.