USC e UVigo desenvolven un ‘xogo serio’ ambientado no Camiño de Santiago para mellorar a aprendizaxe da fonética inglesa
Educar culturalmente sen esquecer a súa función de entretemento. Esa é a meta da versión máis seria dos videoxogos, os denominados Serious Games ou xogos formativos, nos que aprendizaxe e diversión van da man. Persoal investigador da USC e da UVigo acaban de desenvolver un ‘xogo serio’ ambientando no Camiño de Santiago que facilita aos seus potenciais participantes mellorar a aprendizaxe da fonética e pronuncia da lingua inglesa. O traballo contou coa colaboración de profesionais de moi distintas áreas, entre eles, a agrupación musical Luar na Lubre que, de xeito totalmente altruísta, cederon cortes da súa obra ‘Vieiras e vieiros: historias de peregrinos’ como banda sonora. Do mesmo xeito, contouse coa colaboración altruísta do grupo Resonet.
Coordinado pola catedrática da USC, Mª de los Ángeles Gómez, e polo profesor da UVigo, Alfonso Lago, este traballo é un dos resultados dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades —na modalidade de Proyectos de I+D+i Retos de Investigación 2019—, no que tamén participaron o estudante da UVigo Ánxel Fragueiro, así como investigadores da Universidad Internacional de La Rioja (UNIR), a UNED, a Universidad de Málaga e o CESGA. O proxecto conta coa colaboración do University College of London (Speech Hearing and Phonetic Siences Dept), e tamén de Arasaac (Centro Aragonés para la Comunicación Aumentativa y Alternativa).
Aberto ao público en xeral
O obxectivo é fomentar a ensinanza e o aprendizaxe da fonética e pronuncia inglesas, así como mellorar a comprensión de dita lingua a través dos seus acentos e das súas correspondencias entre conceptos, imaxes, sons, grafías e símbolos fonéticos, achegando coñecementos histórico-culturais relacionados co Camiño de Santiago. Para lograr este obxectivo este xogo poderá ser utilizado na aula ou en dispositivos móbiles e compartirase tamén como material aberto ao público en xeral.
Este xogo serio está constituído por 34 etapas do Camiño Francés, dende Sant Jean Pied du Port ata Santiago de Compostela. Para avanzar polo Camiño é necesario que cada xogador ou xogadora afronte os retos que lle permitan alcanzar as competencias de percepción, produción e transcrición no ámbito da fonética e pronuncia inglesas. Para superar os retos, terá a axuda de peregrinas e peregrinos que fixeron o camiño, ben no pasado ou no presente, incluíndo participantes na campaña Las Estrellas del Camino, que accederon a participar e aparecen ao longo do xogo a medida que se percorre o Camiño Francés, ademais dunha avatar ficticia, Patience, que lle servirá de guía dos contidos.
Aínda que o acento de referencia é o Southern Standard British English (SSBE), cada xogador atoparase con camiñantes e retos cos que practicar outros acentos das Illas Británicas, e tamén o inglés americano, australiano ou canadiano. En total, utilízanse 16 voces (9 masculinas e 7 femininas). Unha vez superadas as etapas, o xogador ou xogadora irá desbloqueando as historias ou lendas das cidades e pobos do Camiño, así como as das vieiras e vieiros atopadas na peregrinaxe ata Compostela.
A presentación do xogo tivo lugar na Facultade de Filoloxía da USC coincidindo coa celebración da sexta edición do Taller Internacional da análise do discurso de Santiago de Compostela, IWODA 22, unha cita na que participaron 22 relatores/as e máis de 200 asistentes de institucións educativas de 23 países baixo o lema ‘Tecnoloxías Dixitais e Gaming: Implicacións e Aplicacións para o uso da lingua, a ensinanza e a aprendizaxe’.