Ir o contido principal

A USC xestiona cada ano máis dun milleiro de bolsas para estadías no estranxeiro

A Universidade de Santiago de Compostela, a través da Oficina de Relacións Exteriores (ORE), leva anos apostando pola mobilidade nacional e internacional dos seus estudantes e docentes co fin de dar resposta ás súas necesidades e conxugar unha formación integral con novas experiencias culturais. Ao mesmo tempo, a institución compostelá acolle alumnos de intercambio investigadores e docentes procedentes doutras universidades coas que se manteñen convenios de cooperación académica, cultural e de investigación. En suma, a USC xestiona anualmente máis dun milleiro de bolsas para estadías no estranxeiro.
EuropaNo ámbito internacional, cada curso académico a USC convoca preto de 1200 prazas de intercambio con máis de 400 institucións en todo o mundo, entre os programas europeos, os convenios internacionais e os acordos bilaterais de intercambio.
No relativo a Europa, a ORE ofrece anualmente bolsas de intercambio para estudantes, cunha duración que oscila entre os tres e os doce meses, con 263 institucións europeas mediante o programa Erasmus, que abarca todas as disciplinas e niveis de estudos, incluído o doutoramento, nos países da Unión, Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza. Para este último estado, a Vicerreitoría de Relacións Institucionais da USC convocou 21 bolsas para realizar durante o curso 2008-2009 estudos conducentes á obtención dun título oficial en diversas universidades suízas.
O Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES) permite ademais aos investigadores solicitar cotutelas de teses ao longo de todo o ano, establecidas mediante convenio entre a USC e a universidade estranxeira elixida polo doutorando, coa posibilidade de incluír no seu diploma a mención de Doutor Europeus.
En canto á mobilidade de docentes en Europa, arestora están abertos os prazos, ata o 30 de setembro de 2009, para que os coordinadores académicos Erasmus da USC cara ao EEES, dentro do programa de aprendizaxe permanente (PAP), soliciten axudas para as súas visitas a centros estranxeiros; e ata o 15 de xaneiro, para os profesores interesados nunha bolsa Xan de Forcados, que permite aos departamentos crear vínculos de cooperación e proxectos con centros estranxeiros.
Polo que respecta á mobilidade nacional, a USC oferta anualmente 400 prazas de intercambio con universidades españolas. Así, a universidade compostelá pertence á rede de centros universitarios españois a través do programa SICUE. Os beneficiarios dunha destas prazas de intercambioteñen ademais a oportunidade de gozar dunha bolsa Seneca, que cubre os gastos de mobilidade dos candidatos que conseguiron unha praza na convocatoria.
América, Asia e AustraliaOs estudantes de primeiro, segundo e terceiro ciclo, así como os posdoutorais e o persoal docente da USC poden candidatar cada ano a unha bolsa Erasmus Mundus External Cooperatian Window (EMECW), que permite o desprazamento a universidades de Asia Central.
Doutra banda, a universidade compostelá ten unha arraigada tradición iberoamericana. A Declaración de Compostela, asinada en 2004 por numerosas universidades, puxo en marcha varios programas destinados á formación en diferentes países emerxentes de América Latina. Así, a ORE, convocou 100 bolsas para a realización de estudos en centros de Arxentina, Australia, Brasil, Canadá, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Estados Unidos, Corea do Sur, México, Perú, Porto Rico, Uruguay e Xapón, cos que a USC ten formalizado un convenio bilateral, para unha estancia mínima de 6 meses.
Tamén segue aberto o prazo para os estudantes matriculados na USC que queiran renovar ou optar a unha das 8 bolsas de intercambio ofertadas para cursar estudos nas universidades estadounidenses e de Porto Rico, agás as de Ciencias da Saúde, integradas na rede ISEP para o curso 2009-2010. Os interesados poden presentar as súas solicitudes ata o 26 de decembro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2008.