Ir o contido principal

A USC e a Xunta de Galicia asinan un convenio para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i nos Campus de Santiago e Lugo

A USC e a Xunta de Galicia asinan un convenio para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i nos Campus de Santiago e Lugo
A USC e a Xunta de Galicia asinan un convenio para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i nos Campus de Santiago e Lugo

O reitor Juan Viaño Rey e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, asinaron este xoves 16 un convenio para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i nos campus de Santiago e Lugo co fin de estruturar e potenciar a actividades investigadora da USC. Ao acto protocolario de sinatura tamén asistiron os vicerreitores de Investigación e Innovación e de Coordinación do Campus de Lugo, Isabel Rodríguez-Moldes e Javier Bueno, respectivamente; o secretario xeral de Universidades, Alberto Díez de Castro; e a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria, Mª Jesús Tallón. Tamén estiveron presentes o director do Instituto de Matemáticas da USC, Alberto Cabada; e os comisionados para Campus da Cidadania e para o Campus Vida e para a coordinación da rede de centros singulares de investigación, José Antonio Caride Gómez e Dolores Pérez Meirás, respectivamente.

O convenio suporá a achega por parte da administración autonómica de 2,45 millóns de euros que se destinarán ao co financiamento de investimentos e infraestruturas e equipos científico-técnico subvencionados con fondos FEDER, para o Plan de lanzamento da Área de Matemáticas 2017-2019, á planificación e conformación do Campus da Cidadanía, ao plan de actuación 2017 de Campus Terra e ao programa de portas abertas e promoción dos centros singulares de investigación. A vixencia do convenio estenderase ata o 31 de decembro de 2019.

Infraestruturas e equipamento
A administración autonómica achegará 1,07 millóns de euros para o co financiamento do investimento que a USC debe afrontar en relación a proxectos de infraestrutura e equipamento científico-técnico co financiados con fondos FEDER 2015, concedido nominalmente pola resolución de 7 de decembro de 2016 da Presidencia da Axencia Estatal de Investigación.

Área de Matemáticas
A colaboración entre a USC e Consellaría estenderase tamén ao plan de lanzamento da Área de Matemáticas 2017-2019 e desenvolve o protocolo de colaboración asinado o pasado ano entre ambas institucións para o posicionamento estratéxico da área de matemáticas.

A Xunta de Galicia investirá medio millón de euros repartidos entre os anos 2017 e 2019 que se materializarán no desenvolvemento de programas de formación, apoio a persoal investigador posdoutoral, investigadores novos, programas de bolsas para estudantes de grao e máster ou apoio aos procesos de xestión de I+D, con especial atención á internacionalización e transferencia.

Campus da Cidadanía
O acordo contempla igualmente unha serie de iniciativas encamiñadas á planificación e conformación do Campus da Cidadanía. Nomeadamente, a Consellaría subvencionará o deseño e desenvolvemento de traballos de redacción, comunicación e presentación dirixidos a asegurar un amplo recoñecemento e implicación académica e social dos seus obxectivos. Tamén permitirá o desenvolvemento dun plan de traballo e apoio de consultoría para definir e conformar agrupacións de investigación relacionadas cos eidos propios deste Campus.

Campus Terra
Logo dun primeiro período de colaboración entre 2015 e 2016, a USC e a Consellaría afrontan agora un novo plan de acción para 2017 e 2018 que persegue completar o desenvolvemento do plan estratéxico de Campus Terra 2015-2019. Tres son os obxectivos principais do plan de acción deste segundo período e que se inclúen no convenio asinado este xoves: o mantemento de estruturas de gobernanza, desenvolvemento dos plans operativos e a materialización de accións estratéxicas incluídas no plan xeral.

Entre as liñas de acción a acometer atópanse o plan de especialización docente, o de investigación para a orientación da I+D+i, un plan de comunicación e reputación corporativa do Campus, o plan estratéxico de internacionalización e outras acción como a mellora das infraestruturas RIAIDT en Lugo, o Centro de Emprendemento da Facultade de Administración e Dirección e Empresas ou a mellora de fincas e granxas experimentais, entre outras cuestións.

Centros de investigación
A quinta das liñas de accións incluídas neste convenio será un programa de portas abertas e promoción da rede de centros singulares de investigación financiados de xeito competitivo polo Programa de axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros e agrupacións estratéxicas consolidadas do SUG. Esta iniciativa busca dar a coñecer á sociedade a actividade científica que se realiza nestes centros. Para isto deseñaranse experiencias e proxectos demostradores que, baixo criterios de divulgación científica, poñan en valor as actividades de I+D e os procesos de xeración de coñecemento que desenvolven en Galicia os centros de referencia científica.

As actuacións programaranse de xeito específico para centros de estudo de primaria e secundaria e para o público en xeral que deste xeito poderán achegarse aos centros singulares en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas e en Tecnoloxías da Información.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2017.