Ir o contido principal

A USC, segunda no XXVI Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos

Entrega de premios ao equipo masculino de baloncesto da USC. FOTO: Deputación de Pontevedra
Entrega de premios ao equipo masculino de baloncesto da USC. FOTO: Deputación de Pontevedra
Os equipos de fútbol sala feminino, baloncesto masculino e voleibol feminino da Universidade de Santiago lograron vitorias nas súas competicións

Coa participación de 35 equipos de seis modalidades deportivas, conformados por preto de 650 estudantes das tres universidades públicas galegas, Pontevedra acolleu nas xornadas de mércores e xoves o XXVI Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos, que rematou este xoves 14 de marzo coa USC obtendo o segundo posto da competición e coa Universidade da Coruña (UDC) como vencedora absoluta. O cómputo total de resultados acadados nas competicións femininas e masculinas de fútbol, baloncesto, voleibol, fútbol sala, balonmán e rugby outórgalle á institución coruñesa 25 puntos, un máis que a Universidade de Santiago de Compostela. A UVigo, pola súa banda, logrou un total de 22 puntos e proclamousese campioa autonómica de balonmán feminino e masculino, rugby masculino e baloncesto feminino.

Coa colaboración do Concello de Pontevedra, o torneo desenvolveuse ao longo destes dous días en cinco instalacións deportivas, disputándose cada días tres modalidades e pechándose a xornada cunha entrega de trofeos na Escola de Enxeñaría Forestal. Nese senso, o torneo que outorga aos equipos gañadores a posibilidade de participar na fase final do Campionato de España Universitario despídese esta tarde cun acto que conta coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e as vicerreitoras de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, xunto a outra serie de autoridades como o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, ou o subdelegado de Defensa, Miguel Cortés.

Fútbol sala, baloncesto e voleibol

Nesta segunda xornada, a Universidade de Vigo logrou a vitoria en tres das seis competicións disputadas. As alumnas e alumnos vigueses lograron un dobre triunfo en balonmán, onde o equipo masculino gañaba por dous tantos á USC e por oito á UDC, que rematou segunda. A competición feminina foi un partido único entre Santiago e Vigo, saldándose cunha vitoria desta última por 26 a 23.

O outro triunfo chegaría no rugby, onde o equipo masculino se alzaba co título grazas a contar cun maior número de puntos nun triplo empate. Vigo gañara por 27-12 o primeiro partido á USC, que logo gañou 27-22 á UDC, quen derrotou á UVigo no último partido (19-14). Na competición feminina, A Coruña alzouse co trofeo tras derrotar 59-0 á UVigo e 45-5 á USC, que rematou en segundo lugar.

Este xoves disputouse tamén a competición de fútbol sala, con vitoria do equipo feminino da USC, que gañou 6-2 á UDC e derrotou a Vigo, terceira, nos penaltis. Na modalidade masculina, o triunfo foi para A Coruña, que derrotou 6-2 á USC e 3-5 á UVigo, terceira clasificada.

A primeira vitoria da UVigo neste torneo chegou o mércores, da man do equipo feminino de baloncesto, que gañou na prórroga (43-42) á USC, e derrotar logo ao conxunto da UDC. En baloncesto masculino, a vitoria foi para Santiago, que derrotou por 54-62 Á Coruña e por 58-51 a Vigo, que perdeu tamén coa UDC (64-60).

A Universidade da Coruña logrou na primeira xornada as vitorias en fútbol masculino e feminino. No primeiro caso tras derrotar á UVigo por 2-0, despois de que pechara con empate a cero o seu enfrontamento coa USC, que previamente empatara con Vigo (1-1), á que superou nos penaltis. Na competición feminina, as xogadoras viguesas gañaron o seu partido ante a USC nos penaltis e empataron a cero co equipo coruñés, que lograba o campionato superando 4-0 a Santiago.

No caso do voleibol, A Coruña logrou a vitoria na competición masculina tras derrotar por 0-2 tanto á UVigo como a USC, segunda clasificada. Na feminina, o triunfo foi para a Santiago, que derrotou por 2-0 a Vigo e UDC, segunda clasificada.

Esta primeira xornada pechouse tamén cunha entrega de trofeos, na que participaron, xunto a Reboreda e Lantarón, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, o comandante-director da Escola Naval Militar, Pedro Cardona, e o concelleiro Iván Puentes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2024.