Ir o contido principal

Uxío Novoneyra, Moon Chung-Hee e Tenório Telles suman a súa pegada ao Xardín das Pedras que Falan

A incorporación dos versos destes tres poetas quedou formalizado este luns nun acto no Xardín de Fonseca coa presenza de autoridades. Foto: Santi Alvite
A incorporación dos versos destes tres poetas quedou formalizado este luns nun acto no Xardín de Fonseca coa presenza de autoridades. Foto: Santi Alvite
A incorporación dos versos destes tres poetas quedou formalizado este luns nun acto no Xardín de Fonseca co que se incrementa a súa universalidade

O Xardín das Pedras que Falan engadiu este luns os versos de tres novos protagonistas, todos do eido da poesía: o galego Uxío Novoneyra, a coreana Moon Chung-Hee e o brasileiro Tenório Telles. Deste xeito, “esta espiral infinita de linguas e poemas de calquera parte do mundo gaña en universalidade”, indicou o reitor da USC, Antonio López, no acto de descubrimento das placas. Na presentación interviñeron ademais a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; Claudio Rodríguez Fer, poeta e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC; Elba Rey Martínez, presidenta da Fundación Uxío Novoneyra; e a propia Moon Chung-Hee.

O reitor lembrou que o Xardín da Pedras que Falan é un proxecto colaborativo no que conflúen o Concello de Santiago e a USC. A súa concepción vertebrada na literatura  “achega tratamentos para curar a alma a través de versos que incitan á reflexión e o pensamento” engadiu ao rememorar o seu emprazamento no antigo Xardín Botánico universitario, do que se nutrían os laboratorios farmacolóxicos universitarios na procura de novos medicamentos.

“En tempos convulsos  e de incertezas, é máis necesario que nunca a palabra literaria”, dixo a alcaldesa Goretti Sanmartín, quen logo dun breve recorrido pola idiosincrasia de cada un dos tres autores rematou declamando “longa vida á poesía!”.

Para a historia da cidade quedan xa gravados na pedra os versos Chove pra que eu soñe, de Novoneyra; Pássaros brancos esgriman com o vento, de Telles; e Son eu o único xeito de encontrarme. Baixo o ceo cheo da pregunta, de Chung Hee Moon; “versos de tres persoas comprometidas coa cultura dende os seus respectivos países”, manifestou Rodríguez Fer.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.03.2025.