A vaca e a súa relevancia económica, paisaxística e cultural, centran este venres unha xornada divulgativa na Fonsagrada
A vaca, como elemento esencial da economía, da cultura e da paisaxe, centrará este venres na Fonsgrada o tema de debate da xornada de divulgación científica A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela.
A profesor de Medicina e Ciruxía Animal na Facultade de Veterinaria da USC e ex vicerreitor do campus de Lugo, Pedro García Herradón, será o relator encargado de abordar esta temática, sobre a que tamén fará as súas achegas o doutor en Veterinaria Jesús Deiros Rodríguez, que centrará a súa intervención nas aplicacións dos robots de muxido. Estes relatores debullarán a importancia da actividade gandeira en dúas sesións, que estarán moderadas por Ignacio Rodríguez, xornalista do gabinete de comunicación da USC.
A sesión matinal desenvolverase a partir das 12.30 horas no IES Plurilingüe Fontem Albei e estará dirixida ao estudantado de ensino secundario, docentes e persoal deste centro educativo. Xa en quenda de tarde, o salón de actos municipal acubillará, a partir das 19.00 horas, outra sesión coa mesma temática e os mesmos relatores, que será aberta a todo público interesado.