As vacas de explotacións ecolóxicas son máis proclives a enfermidades no período de transición que as das granxas intensivas
O gando vacún de explotacións ecolóxicas ten unha maior predisposición a sufrir múltiples enfermidades durante o período de transición (antes e despois do parto) que as vacas de granxas convencionais en sistema intensivo, segundo conclúe a investigación realizada polo veterinario Ángel Abuelo Sebio na súa tese de doutoramento, na que compara os mecanismos de adaptación ao parto e ao comezo da lactación entre vacas en réxime intensivo e ecolóxico.
O estudo e a análise da incidencia do estrés oxidativo, un factor que indica a predisposición a padecer enfermidades e que no caso do gando vacún se rexistra sobre todo nas fases temporais próximas ao parto, é o epicentro das pescudas realizadas por Abuelo Sebio ao abeiro súa tese de doutoramento, un traballo desenvolvido en inglés baixo o título ‘Comparación do estado metabólico e redox entre gando vacún en explotación ecolóxica e convencional durante o período de transición’ e dirixido polos profesores da USC na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo Cristina Castillo Rodríguez, Joaquín Hernández Bermúdez e José Luis Benedito Castellote. Na súa investigación de doutoramento, que deu pé a seis publicacións en revistas internacionais de elevado impacto dentro da área da medicina veterinaria, Ángel Abuelo Sebio procedeu en primeiro lugar a estandarizar as determinacións do estado oxidativo e da insulina en gando vacún. Estes test empregáronse logo para comparar o estado redox e metabólico entre animais en explotación intensiva e ecolóxica. As conclusións desta tese de doutoramento sinalan que o ganado vacún en explotacións ecolóxicas, aínda que ten unha menor produción láctea, presenta un maior grao de estres oxidativo que as reses que se atopan en granxas intensivas convencionais. Este feito podería obedecer, na opinión do investigador, a que mentres no gando de sistemas de produción intensivos é común a suplementación alimentaria sistemática con antioxidantes, este tipo de prácticas está prohibida polas normas que rexen a produción ecolóxica. O gando intensivo amosa cambios máis dramáticos nos procesos de adaptación ao parto e ao período de lactación, especialmente no que atinxe a resposta inflamatoria, balance macromineral e metabolismo proteico. Aínda así, conclúe este investigador, o gando vacún en réxime ecolóxico, a pesar de ter unha menor resistencia á insulina no postparto, amosa maiores alteracións no balance de enerxía tralo parto. Abuelo Sebio considera asemade que como moitas das medidas preventivas da cetose subclínica non están permitidas no réxime ecolóxico, o manexo e a nutrición destes animais tanto na fase de secado como ao comezo da lactación é crítica para poder garantir unha mellor adaptación e minimizar as perdas económicas neste tipo de explotacións gandeiras. Tribunal da tese e cualificación O catedrático de Fisioloxía da Universidade Complutense de Madrid, Juan Carlos Illera del Portal, presidiu o tribunal encargado de cualificar a tese de doutoramento que vén de presentar Ángel Abuelo Sebio na Facultade de Veterinaria. A catedrática de Medicina e Cirurxía de Ruminantes e directora da Clínica de Rumiantes da Universidade Ludwig-Maximilians de Munich, Gabriela Knubben-Schweizer; o catedrático de Medicina Veterinaria da Universidade de Bolonia, Arcangelo Gentile; a profesora do Departamento de Patoloxía Animal, Marta López Alonso, e o profesor do Medicina e Cirurxía Animal da USC Pedro García Herradón, que actuou en calidade de secretario, completaron o tribunal, que acordou a conceder a máxima cualificación de sobresaínte cum laude, ademais de mención internacional, á tese presentada por Ángel Abuelo. Incorporación ao cadro docente da Charles Sturt University de Australia Apenas unhas semanas despois de completar o seu doutoramento na Facultade de Veterinaria da USC, onde tamén cursou a licenciatura en Veterinaria e o Máster en Investigación en Medicina e Sanidade Veterinaria, Ángel Abuelo Sebio pasará a formar parte do cadro docente da Facultade de Veterinaria da Universidade Charles Sturt (Wagga Wagga, Australia). Abuelo Sebio, quen tamén cursou estudos de posgrao en docencia veterinaria no Royal Veterinary College de Londres e está recoñecido como Fellow of the Higher Education Academy no Reino Unido, incorporarase a próxima semana á citada facultade de veterinaria australiana, logo de obter unha praza con vinculación permanente como profesor de medicina e produción de ruminantes. O principal cometido de Ángel Abuelo na facultade de veterinaria de máis recente creación en Australia estriba na formación de veterinarios rurais, unha dimensión da actividade veterinaria na que os animais de produción teñen un gran peso. Este investigador xa egresado da USC impartirá aulas nos seis cursos da titulación de Veterinaria nesta universidade australiana, ao tempo que prevé participar na actividade clínica da unidade de medicina e cirurxía de ruminantes, ademais de dar continuidade á súa liña de investigación do metabolismo do gando vacún. Hernández, Abuelo, Castillo e Castellote, na Facultade de Veterinaria