Valcárcel e Rodríguez Miranda participan na Facultade de Ade nun encontro con estudantes internacionais do campus de Lugo

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, participaron este mércores na Facultade de Administración e Dirección de Empresas nunha xuntanza con estudantes internacionais que están a completar a súa formación de grao e ou posgrao en diferentes centros do campus de Lugo.
Valcárcel salientou na súa intervención as estreitas ligazóns que mantén a USC e nomeadamente o seu campus de Lugo cos países iberoamericanos, unha relación intensa plasmada na existencia dun elevado número de convenios bilaterais e que tamén se percibe a través do crecente fluxo de estudantes que ano tras ano formalizan a súa matrícula en titulacións de grao e posgrao nos distintos centros da sede universitaria luguesa.
A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo aproveitou asemade esta xuntanza, na que tamén participou o xefe territorial en Lugo da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Ramón Carballo, para reiterar que, como non podía ser doutro xeito, a USC acolle a todas as persoas interesadas en ampliar a súa formación de grao e posgrao ou ben desenvolver proxectos de investigación independentemente da súa procedencia. Valcárcel tamén sinalou que a pretensión da USC é a de contribuír a mellorar o presente e o futuro das persoas.