Ir o contido principal

Este venres remata o prazo de matrícula en 18 cursos da Universidade de Verán

Este venres remata o prazo de matrícula en 18 cursos da Universidade de Verán
Este venres remata o prazo de matrícula en 18 cursos da Universidade de Verán

A programación de cursos da Universidade de Verán continúa a mediados de xullo co desenvolvemento de dezaoito novos espallados por toda a xeografía galega e para os que o prazo de matrícula remata este venres 4 de xullo. En Compostela, o luns 14 dan comezo os cursos Cuestións actuais sobre dereitos humanos; Historia das historias de Galicia; Avaliación e financiamento de novos proxectos; O medio ambiente en Galicia; Inclusión social e territorial fronte ao cambio demográfico; e Stem cells in health and sisease. Xa o martes 15 se inaugurarán o curso Soberanía(s): corpo, hábitos, territorios e Un ano de conflitos xurídicos: da doutrina Parot ao caso Prestige. Por último, as VII leccións Xacobeas Internacionais na USC: A tradición da peregrinación de San Francisco a Santiago de Compostela desenvolveranse do 16 ao 19. En Lugo esa semana terán lugar os cursos Xestión e conservación de humedais continentais no marco da estratexia da Unión Europea sobre a diversidade e A empresa familiar como factor clave para superar a crise económica. Tamén o luns 14 comezará o curso da Pastoriza Innovación tecnolóxica nas explotacións gandeiras e o de Vilagarcía de Arousa titulado Arte, historia, xeografía e cultura na comarca do Salnés. Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: Qué facer coas violencias desde a educación de xénero? é o título do que se desenvolverá en Lalín dende o día 15, data na que tamén comeza o que terá lugar en Nigrán sobre Creación musical e Music Business. Relacionado con esa última temática iniciarase a partir do 16 en Ortigueira o curso Industria musical en Galicia. Identidade e novas tendencias. O mesmo mércores iniciaranse dous máis: en Guitiriz Territorio e paisaxe e en Ribadeo Arte e patrimonio na Mariña Lucense III. Créditos O alumnado que se matricule poderá validar a súa asistencia como créditos de libre elección ou optativos. Para diplomaturas, mestres, enxeñarías, enxeñarías técnicas e licenciaturas a validación será en forma de libre elección, dous por cada curso de 30 ou máis horas e un polos de menos de 30 horas. Pola súa banda, para os graos a validación será de dous créditos optativos por cada curso de 25 horas ou máis e dun para os de menos de 25.

A USC mantén as mesmas taxas de matrícula que en anteriores edicións con dúas modalidades, xeral e reducida. A primeira, de 120 euros para os encontros de máis de 25 horas e de 70 para os seminarios e xornadas que non superen esta cifra. A taxa reducida está dirixida ao estudantado de calquera universidade ou estudos de formación profesional ou bacharelato, pensionistas, persoas desempregadas, así como PDI e PAS da USC. Neste caso, os prezos a pagar serán de 70 e 40 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.06.2014.