Ir o contido principal

Verán CampUSC apura os seus últimos días de actividades

O reitor xunto a monitores de Verán CampUSC e o grupo de rapaces e rapazas, momentos antes da xuntanza. Foto: Santi Alvite
O reitor xunto a monitores de Verán CampUSC e o grupo de rapaces e rapazas, momentos antes da xuntanza. Foto: Santi Alvite
O reitor recibiu un grupo de 25 rapaces e rapazas da última quenda

Un grupo de vinte e cinco rapaces e rapazas que estes días conforman a quinta quenda do programa de conciliación Verán CampUSC mantiveron este mércores un encontro co reitor da USC Juan Viaño. Con idades entre dez e trece anos, este grupo de futuros e futuras profesionais da bioloxía, a historia, as matemáticas, o dereito ou a informática coincidiron en trasladar ao reitor o seu desexo de acceder no futuro aos estudos universitarios.

Os rapaces e rapazas someteron ao reitor a unha exhaustivo cuestionario sobre notas de corte de distintas titulacións ou sobre a súa experiencia persoal en canto á época universitaria. Formaban parte deste grupo os/as máis maiores da súa quenda, formada por un total de 97 cativos/as. Todos eles xa participaran en edicións anteriores no mesmo programa e, de xeito unánime, non dubidaron ao reafirmar o seu desexo de repetir en anos próximos.

Actividades deportivas, culturais, socioeducativas e de lecer especialmente deseñadas para cativos/as de 3 a 13 anos conformaron a oferta de Verán CampUSC 2017, programa da USC que por segundo ano conta coa colaboración do Concello de Santiago, e que está orientado a favorecer a conciliación familiar e laboral das familias durante o verán. Esta é unha actividade que organiza a Fundación USC Deportiva coa colaboración da Oficina de Igualdade de Xénero e do Servizo de Deportes da USC.

Os rapaces e rapazas someteron ao reitor a unha exhaustiva cuestionario sobre notas de corte. Foto: Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.09.2017.