O verán comeza na tarde do martes
Ás 19.16 horas deste martes 21 dará comezo o verán no hemisferio norte que se prolongará ata as 11.05 horas do 23 de setembro sendo a estación estival, con 93,66 días, a máis longa do ano. Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, no mediodía deste martes o Sol pasará polo Punto Cáncer ou Solsticio de xuño acadando nese intre a súa máxima declinación (elevación con respecto ao Ecuador). Como consecuencia diso, ao mediodía o Sol terá a máxima altura posible con respecto ao horizonte e poñerase e sairá o máis ao norte posible. O 4 de xullo a Terra pasará polo punto da súa órbita máis alonxado do Sol, denominado Alfeio, momento no que a distancia que os separará vai ser de 1,0167 unidades astronómicas (aproximadamente a separación media entre a Terra e o Sol, equivalente a 149.597.870 quilómetros), fronte ás 0,9833 que corresponderon ao paso polo Perihelio o pasado 3 de xaneiro. Primavera seca Remata así unha das primaveras máis secas en Galicia e particularmente en Compostela, con tan só 179 litros/m2 nos últimos tres meses (22 días con precipitación máis outros 11 con choiva inapreciable, é dicir, con menos de 0,1 litros/m2) recollidos na estación meteorolóxica do Observatorio da USC. Segundo os investigadores da USC a primavera do ano 1990 rexistrou cifras aínda menores, con 148 l/m2, pero distribuídas en maior número de días (30, máis 9 con rexistro inapreciable). Fenómenos Este verán será pobre en eclipses, apunta Docobo, cun único parcial de sol visible preto da Antártida o 1 de xullo. Ademais, produciranse dúas choivas de estrelas, as delta Acuáridas o 30 de xullo e as xa famosas Perseidas na noite do 12 ao 13 de agosto, aínda que este ano a Lúa en fase chea pode dificultar a súa visión. Polo que atinxe á visibilidade dos planetas, Venus deixará de verse ata o outuno nas mañanciñas dende comezos de xullo. Marte e Xúpiter poderán ser contemplados ao amencer aínda que o segundo a medida que transcorra o verán se irá vendo cada vez máis cedo. Pola contra, Saturno será visible na noitiña. Xa en torno ao 20 de xullo Mercurio estará en óptimas condicións para a súa observación a simple vista logo de poñerse o Sol. No vindeiro mes haberá dúas Lúas novas, o dÍa 1 e o 30. Ademais, o satélite vai estar en conxunción con algúns planetas ao longo do verán. Docobo sinala que o verán que agora comeza é “especialmente interesante” para localizar constelacións no ceo e para ver a Vía Láctea dende lugares sen contaminación lumínica. Emblema do verán é o triángulo constituído polas brillantes estrelas Vega (constelación da Lira), Deneb (no Cisne) e Altair (na Águia).