'Verba', entre as mellores revistas españolas de lingüística
O ránking de visibilidade e impacto das revistas científicas españolas de Humanidades e Ciencias Cociais con selo de calidade FECYT acaba de situar á revista dixital da USC Verba. Anuario Galego de Filoloxía, no décimo posto desta clasificación integrada por 52 títulos. O obxectivo deste ránking é servir á Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA) e outras axencias de avaliación como ferramenta para mellorar os sistemas de acreditación da calidade dos traballos publicados polos investigadores españois das áreas de ciencias sociais e humanidades.
Verba. Anuario Galego de Filoloxía, que, xunto con outras revistas da USC como Ágora. Papeles de Filosofía, Estudos de Lingüística Galega e Obradoiro de Historia Moderna, conta co selo FECYT que define unha revista como excelente, foi fundada en 1974 polo catedrático de Filoloxía Románica Constantino García, que nucleaba daquela un grupo de filólogos novos entre os que, entre outros, se atopaban Mercedes Brea, Guillermo Rojo, Antón Santamarina, Xosé Luís Couceiro ou Isabel González, coa intención de difundir os estudos filolóxicos realizados en Galicia e coa vocación de lle dedicar unha atención preferente á lingua galega. Desde entón o seu principal campo de estudo é o das linguas románicas, entre as que salientan o español, o galego e mais o portugués.
Os seus volumes abordan temas variados que se inscriben en diferentes ámbitos da investigación lingüística e filolóxica, tales como a gramática, fonoloxía, léxico, edición de textos, ou teoría lingüística e pragmática. Dende 2012, Verba, como o resto das revistas da USC, se edita en soporte exclusivamente dixital no Portal Dixital de Revistas da USC baixo o software internacionalmente estandarizado para a edición de revistas científicas e académicas Open Journal Systems (OJS).