Veterinaria acolle os días 14 e 15 unhas xornadas técnicas sobre manexo, recría, alimentación e produción do vacún de leite
As XI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite converterán os días 14 e 15 de novembro o auditorio da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo nun foro de debate e análise de distintas cuestións relacionadas coa actividade gandeira e que inciden directamente no rendemento das explotacións de vacún de leite, tales como son o manexo e benestar dos animais, a recría de becerras ou os procesos de alimentación do gando.
O futuro do sector leiteiro no horizonte do 2020 será outros dos temas que se debaterán no marco destas xornadas técnicas, organizadas por Seragro e que comezarán a desenvolverse este xoves, a partir das 10.30 horas, logo dun acto de inauguración no que intervirán o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente de Seragro Sociedade Cooperativa Galega, Rogelio Grille Barbeira, e o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina. O manexo e a alimentación de vacas de alta produción, indicadores en granxa para a correcta monitorización pre e posparto, a análise da podoloxía e factores de risco nas explotacións galegas de vacún de leite, a recría de xovencas e o benestar animal serán algúns dos temas a tratar nos distintos relatorios programados durante a primeira xornada deste foro técnico. A xestión e produción de forraxe, o período seco das vacas e as experiencias de dúas SAT familiares dos concellos coruñeses de Boimorto e Vilasantar centrarán a temáticas dos relatorios do venres en quenda de mañá. Un relatorio sobre a necesidade de contar ou non con máis terra para a actividade gandeira e unha táboa redonda sobre o futuro do sector leiteiro servirán de colofón ás XI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite. Este foro técnico sobre o sector gandeiro, que é de carácter gratuíto e está aberto á participación de todas as persoas interesadas, rematará o venres, a partir das 18.30 horas, cunha sesión de humor que contará coa intervención do monologuista Carlos Blanco.