Ir o contido principal

Veterinaria amplía o laboratorio de habilidades clínicas para favorecer a aprendizaxe autónoma

Os responsables da empresa Beta Implants, entre Antonio González Cantalapiedra e Gonzalo Fernández Rodríguez
Os responsables da empresa Beta Implants, entre Antonio González Cantalapiedra e Gonzalo Fernández Rodríguez
Máis de 350 alumnos poderán poñer en práctica os seus coñecementos teóricos, ademais de técnicas clínicas, cirúrxicas e de exploración nunha aula dotada de simuladores, instrumental clínico variado, ecógrafos e ata material cirúrxico de trautamoloxía co que o alumnado experimenta e mellora a súa pericia antes de traballar con animais
Lugo

O laboratorio de habilidades clínicas da Facultade de Veterinaria da USC, unhas instalacións que vén de inaugurar este curso o centro universitario lugués para favorecer a aprendizaxe autónoma e a experimentación práctica do seu alumnado, está a converterse nun dos servizos máis demandados da facultade, no que os máis de 350 estudantes dos tres últimos cursos de grao teñen a oportunidade de poñer en práctica os coñecementos teóricos previamente adquiridos na aula, ademais de experimentar e ensaiar diversas habilidades clínicas, así como técnicas de exploración e ou diagnóstico.

As aulas ou laboratorios de habilidades clínicas constitúen un dos recursos ou servizos máis potenciados nos centros de formación veterinaria máis pioneiros do mundo, subliña o decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Gonzalo Fernández, quen salientou tamén o bo funcionamento e a alta demanda de usuarios que está a experimentar este novo servizo universitario ao longo deste curso.

A progresiva ampliación do horario de apertura das instalacións localizadas nos baixos dos aularios da Facultade e, sobre todo, a mellora das dotacións de material de uso clínico e cirúrxico, equipamentos tecnolóxicos, tales como ecógrafos e electros, ademais de simuladores de reprodución de gando vacún e tamén de equinos, garanten o éxito deste novo espazo de formación, sinala o decano, quen tamén ve este laboratorio como un paso previo imprescindible para avanzar cara o sempre ansiado benestar animal.

Satisfeito co elevado nivel de uso dunhas dependencias universitarias das que cada semana fan uso máis dun centenar de estudantes ao longo das tres xornadas nas que permanece aberto o laboratorio de habilidades clínicas, o decano da Facultade de Veterinaria tamén quixo facer explícito o seu agradecemento a aquelas empresas e entidades que colaboran, a través de doazóns, coa mellora de dotacións, equipamentos e instrumental clínico e cirúrxico co que poden ensaiar os futuros veterinarios e veterinarias.

Conexión coas empresas do sector veterinario

A conexión e o coñecemento das empresas ligadas ou especialidades no ámbito da veterinaria é outra das vantaxes que reporta ao alumnado o laboratorio de habilidades clínicas deste centro universitario lugués, segundo indicou Gonzalo Fernández, que recibiu este martes unha nova dotación de material cirúrxico de traumatoloxía cedido pola empresa de asesoramento biomecánico e deseño de implantes Beta Implants, unha firma galega impulsada por enxeñeiros agrónomos que tamén se ocupará de repoñer todo o material que precise o alumnado.

O profesor de cirurxía veterinaria Antonio González Cantalapiedra comentou tras supervisar a nova dotación da que dispón a Facultade de Veterinaria que o alumnado tamén terá á súa disposición ferramentas dixitais e informáticas, a través das que poderá acceder desde o móbil a vídeos e sesións de titoría coas que poderán aprender as distintas técnicas e os pasos a seguir nas intervencións de trauma.
 
O decano do centro universitario lugués abundou asemade nas posibilidades de titoría das que pode gozar o alumnado que se achega ata o laboratorio de habilidades clínicas da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. “O estudantado que se achega ata esta aula xa dispón duns coñecementos teóricos previos e, aínda que se trata dun servizo para a aprendizaxe autónoma, en caso de ter dúbidas respecto do funcionamento dos equipos ou de precisar calquera tipo de asesoramento puntual, sempre poden consultar ao persoal docente”, dixo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2021.