Veterinaria avanza nunha folla de ruta para crear un sistema de control de toxinas nos países que a FAO asesora

As floracións de algas nocivas son fenómenos naturais que teñen acontecido ao longo da historia. Con todo, unha das grandes emerxencias alimentarias da actualidade é o feito de que as neurotoxinas que poden habitar estas algas cheguen, a través dos mariscos e os peixes, ata o consumo humano. Para desenvolver a estratexia máis acaída na contención deste perigo, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) acaba de seleccionar o catedrático do departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Luis Miguel Botana López, para elaborar o documento de traballo que un grupo de especialistas abordará en Roma no mes de outubro. O obxectivo desta xuntanza radica en deseñar e definir os criterios técnicos para poñer en marcha un sistema de control de toxinas nos países que a FAO asesora.
Algunhas especies de algas, aínda que non sexan tóxicas para os seres humanos, poden producir exsudados que danan os delicados tecidos branquiais. As poboacións de peixes, moluscos e crustáceos, mantidas en unidades de almacenamento como gaiolas, currais, cordas e estanques, quedan atrapadas e, por tanto, poden sufrir unha mortalidade devastadora, o que podería provocar perdas económicas e alimentarias, e eventualmente converterse nun problema de seguridade alimentaria. Con todo, o que máis preocupa son as neurotoxinas que, de chegar ao consumo humano a través de peixes ou mariscos, poden xerar unha enorme variedade de enfermidades gastrointestinais e neurolóxicas. Mellorar a vixilancia e a previsión, contribuiría a evitar o consumo de produtos acuáticos contaminados e a reducir a incidencia de brotes que afectan a seguridade alimentaria, ademais de apoiar as actividades acuícolas e, con iso, reducir a perda de peixes e as perdas económicas.
Colaboración consolidada
A elección do profesor da Facultade de Veterinaria, Luis Botana, para esta tarefa non é casual, pois o responsable do grupo FARMATOX (Toxinas mariñas: mecanismos de transdución, usos terapéuticos e métodos de detección) xa ten colaborado coa FAO ata en catro ocasións anteriores. De feito, xa ten traballado con esta institución na abordaxe das ciguatoxinas, tal e como el mesmo indica “o maior problema mundial de toxicidade en peixes a día de hoxe”; e nas toxicidades relativas das toxinas, é dicir “como interpretar os resultados analíticos e convertelos en valores de toxicidade”.
A xuntanza que terá lugar do 6 ao 9 de outubro, ten como obxectivo a revisión e a consolidación dun documento borrador que se converterá na nova Guía Técnica Conxunta da FAO, da Axencia Internacional da Enerxía Atómica e da Comisión intergobernamental da UNESCO en materia de Oceanografía, sobre seguimento de biotoxinas mariñas e a floración de algas nocivas. O documento abranguerá aspectos como a clasificación, supervisión e xestión de áreas de produción, así como mostraxe e probas.
