Veterinaria celebra as vodas de prata da súa primeira promoción cun acto que reúne unhas 40 persoas no campus de Lugo
A celebración das vodas de prata da primeira promoción de veterinarios formados no campus de Lugo congregou na Facultade de Veterinaria uns 40 profesionais que completaron a súa formación de licenciatura entre 1984 e 1989 e que hoxe desenvolven distintos cometidos laborais en Galicia e fóra da comunidade autónoma no sector académico e da administración, así como no exercicio profesional da veterinaria.
A celebración deste acto conmemorativo, impulsado por un grupo dos preto de 650 alumnos que comezaran os estudos de Veterinaria no Colexio Universitario de Lugo, contou coa participación do vicerreitor de Coordinación do campus lugués, Javier Bueno, así como do actual decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina, que tamén é alumno da primeira promoción do centro lugués, do mesmo xeito que outros dos actuais docentes e investigadores nesta facultade da USC. O presidente da Asociación de Antigos Alumnos da USC, Ángel Álvarez Prechous, o tamén profesor José Luis Benedito Castellote e Amparo Seijas Carballedo, en representación dos alumnos/as desta primeira promoción de veterinarios formados no campus de Lugo, tamén participaron como relatores nesta cerimonia académica. Ao seu remate, todos/as os/as asistentes compartiron un ágape de confraternidade nun restaurante da capital luguesa.