Ir o contido principal

Veterinaria constata nunha investigación que os altos niveis de selenio fan do atún un peixe saudable para o consumidor

As presentacións en conserva incrementan o consumo de atún a nivel mundial
As presentacións en conserva incrementan o consumo de atún a nivel mundial. Foto: Santi Alvite
A tese de doutoramento elaborada polo cambadés Ricardo Núñez Losada baixo a dirección de Mª Julia Melgar Riol e Mª Ángeles García Fernández, revela que o selenio actúa como antagonista dos efectos adversos derivados do mercurio que conten o atún, tanto nas súas presentacións en fresco como en conserva
Lugo

O atún é o peixe de maior consumo en España e constitúe tamén unha alternativa alimenticia moi saudable, segundo constata a tese de doutoramento presentada este luns polo cambadés Ricardo Núñez Losada na Facultade de Veterinaria baixo o título ‘Contido de metais e metaloides nas presentacións de atún comercializadas en Galicia. Estimacións risco/beneficio para a saúde do consumidor’.

A investigación desenvolvida no Campus Terra da USC baixo a dirección da catedrática de Toxicoloxía Mª Julia Melgar Riol e da profesora da mesma área María Ángeles García Fernández, despexa as posibles dúbidas xeradas arredor do consumo deste tipo de peixe depredador por mor dos altos contidos en mercurio (Hg), así como noutros metais e metaloides, tales como cadmio (Cd), chumbo (Pb) ou arsénico (As). O veterinario cambadés Ricardo Núñez Losada pon en valor na súa tese de doutoramento a riqueza nutricional do atún e constata que o alto nivel de selenio que contén actúa como antagonista dos posibles efectos adversos para a saúde derivados da presenza de mercurio. A inxestión de atún, xa en fresco xa en conserva, contribúen asemade, segundo os resultados das pescudas realizadas por este investigador, a que as persoas que consuman este peixe acaden os niveis de selenio axeitados.

As análises realizadas por este investigador da Facultade de Veterinaria da USC nas presentacións de atún máis habituais comercializadas en Galicia permitiron determinar os niveis de metais/metaloides (mercurio, cadmio, chumbo, arsénico e selenio). Os resultados mostraron unha presenza, estatisticamente significativa, maior de Hg, Cd e As en atún fresco. O mercurio destaca como principal contaminante, acadando en fresco valores próximos e mesmo superiores ao límite máximo permitido pola lexislación (1,0 mg/kg). No que atinxe ás conservas, a súa comparación segundo o seu líquido de cobertura, permitiu comprobar tamén que a preparación en escabeche amosa os niveis máis baixos de Hg, Cd, As e Se. Un feito, que, segundo apunta o investigador, podería estar relacionada coa acidez.

Unha vez coñecidos estes primeiros resultados, Núñez Losada procedeu a estimar mediante a aplicación de índices os posibles riscos que implica o consumo de atún para a saúde, tarefa para que a que empregou datos de consumo nacionais e as concentracións dos elementos antes citados neste peixe. Así, para valorar o risco de efectos adversos por toxicidade crónica, a investigación aplicou os criterios THQ (Cociente de Risco Obxectivo) e HI (Índice de Risco) propostos pola Axencia de Protección Ambiental de Estados Unidos (US-EPA). O valor HI > 1 en idade infantil (3-6 anos) alerta de risco por consumo de atún. En adultos, o valor THQMeHg supón unha exposición ao metilmercurio (MeHg) moi próxima a 2/3 da máxima aceptable.

A tese de doutoramento presentada este luns por Ricardo Núñez Losada e que xa de upé a tres publicacións internacionais, complétase coa inclusión das estimacións risco/beneficio que salientan o Se como antagonista dos efectos adversos do MeHg. De feito, estes índices proban que os altos niveis de Se do atún abondan para protexer ao consumidor do seu contido en metais como o mercurio. Ademais do compendio deste abano de resultados, a tese inclúe unha nova proposta de índice BRV (Valor Beneficio Risco) que considera o antagonismo do Se sobre o As e o Hg.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Vigo Jesús Simal Gándara presidiu o tribunal da tese presentada por Núñez Losada. O profesor de Toxicoloxía da Universidade de Estremadura Marcos Pérez López e a profesora da USC Inés Sánchez Sollero, en calidade de secretaria, completaron o xurado que acordou valorar esta investigación de doutoramento coa máxima cualificación de sobresaínte 'cum laude'.

 

Julia Melgar, Ricardo Núñez e Ángeles García, na Facultade de Veterinaria
Julia Melgar, Ricardo Núñez e Ángeles García, na Facultade de Veterinaria
Ricardo Núñez Losada, na Facultade de Veterinaria
Ricardo Núñez Losada, na Facultade de Veterinaria
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2022.