Ir o contido principal

Veterinaria ensaia con peixe cebra un novo método de cultivo celular que avanza na loita fronte ao cancro de páncreas

Imaxe dun exemplar de peixe cebra transplantado con células nai de cancro de páncreas marcadas con un flurocromo
Imaxe dun exemplar de peixe cebra transplantado con células nai de cancro de páncreas marcadas con un flurocromo
‘Nature Communications’ describe no seu último número a metodoloxía de cultivo de células nai de cancro pancreático baseada en forzar a fosforilación oxidativa (OXPHOS) na que, entre outros, participaron investigadores da Universidad Autónoma de Madrid e do grupo ZebraBiores do Campus de Lugo, nun artigo asinado por Laura Sánchez Piñón, Pablo Cabezas e Juan Rubiolo.
Lugo

A nova metodoloxía de cultivo e caracterización de células nai de cancro de páncreas está  baseada en forzar a fosforilación oxidativa (OXPHOS), un método desenvolvido conxuntamente por investigadores da Autónoma de Madrid, do Instituto Ramón y Cajal de Investigación Sanitaria de Madrid, do Departamento de Medicina interna da Universidad de Ulm de Alemania, da Unidade de Investigación Traslacional de Zaragoza, do CIBERER, do Instituto de Investigación Sanitaria Hospital 12 de Octubre de Madrid e polo grupo ZebraBiores  da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC.  

Esta investigación, que se prolongou durante preto de tres anos, supón un importante avance na loita fronte aos tumores pancreáticos detectados en humanos, segundo se recolle no artigo ‘Exploiting oxidative phosphorylation to promote the stem and immunoevasive properties of pancreatic cancer stem cells’, que vén de publicar a revista ‘Nature Communications’  no seu último número, e do que son coautores Laura Sánchez Piñón, Pablo Cabezas Sainz e Juan Rubiolo.

Os resultados obtidos no marco desta liña de investigación, proba unha vez máis a utilidade dos modelos en estudos experimentais realizados en animais, peixes e ratos , para o desenvolvemento da medicina en humanos, como é o caso do cancro de páncreas, un dos tumores que peor responden aos actuais tratamentos quimioterápicos.

As dificultades que presenta a curación do cancro pancreático, un dos tumores máis agresivos e letais do tracto dixestivo, débese, cando menos en parte, á presenza de células nai tumorais que non sempre son eliminadas polas terapias e tratamentos practicados na actualidade, segundo sinala Laura Sánchez Piñón. A catedrática  de Xenética da USC precisa que este tipo de células teñen capacidade para orixinar calquera outro tipo de célula tumoral, ao tempo que tamén son as responsables da orixe do tumor, da metástase ou extensión a outros órganos e mesmo das posibles recaídas nesta enfermidade.

Investigación interdisciplinar

O artigo no que a revista ‘Nature Communications’ faise eco do importante achado científico, e é un claro exemplo de investigación interdisciplinar  na que participou o grupo ZebraBiores da USC. A publicación describe unha nova metodoloxía de cultivo de células nai de cancro baseada en forzar a súa fosforilación oxidativa (OXPHOS). Este modelo achega asemade luz sobre a existencia dunha conexión previa, e aínda non recoñecida, entre as características das células nai e o metabolismo mitocondrial.    

Os investigadores do grupo ZebraBiores da USC implicados nesta liña de traballo encargáronse da realización dos estudos in vivo con xenotrasplantes  de células nai  en embrions de peixe cebra, para comprobar e determinar o potencial deste novo método na selección de  novos fármacos. Sánchez Piñón entende asemade que a metodoloxía de cultivo celular baseada na súa fosforilación oxidativa e testada en peixe cebra representa una plataforma que contribuirá ao descubrimento de novas propiedades das células nai do cancro pancreático e impulsará o desenvolvemento de novos tratamentos e terapias fronte a este enfermidade.

 

Pablo Cabezas, Laura Sánchez Piñón e Juan Rubiolo, na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo
Pablo Cabezas, Laura Sánchez Piñón e Juan Rubiolo, na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo
Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.10.2020.