Veterinaria, Farmacia, Química e Economía celebran este sábado os seus actos de graduación
As promocións de Farmacia, Veterinaria, Química e Economía da USC que rematan este ano os estudos celebran na tarde deste sábado 21 os seus actos de graduación en Santiago e Lugo. Farmacia comezará o programa dos actos en Santiago ás 17.00 horas na Sala VIP II (planta baixa) do Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia coa sinatura dos convenios de prácticas tuteladas entre a USC e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos da Coruña, Pontevedra, Lugo, Ourense e León na que participará o reitor Juan Casares Long. No mesmo Palacio de Congresos, pero unha hora máis tarde, terá lugar o acto propio de licenciatura no que intervirán os representantes dos colexios galegos de farmacéuticos e a decana da Facultade de Farmacia, Isabel Sández Macho. Nesa cerimonia entregaránselles os diplomas aos farmacéuticos titores de prácticas tuteladas e aos premios extraordinarios de licenciatura e imporánselles as becas aos novos licenciados, que farán o xuramento hipocrático. Veterinaria Organizado pola Universidade de Santiago e o Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, a promoción 2007-2012 de Veterinaria celebra este sábado, ás 11.00 horas no Auditorio Enrique A. González García da Facultade luguesa, o seu acto de licenciatura presidido polo reitor Juan Casares Long. Logo da intervención do padriño da promoción, o profesor Gonzalo Fernández Rodríguez, terá lugar a conferencia do catedrático de Anatomía Patolóxica Veterinaria e director do Instituto Universitario de Sanidade Animal e Seguridade Alimentaria da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, Antonio Jesús Fernández Rodríguez, titulada ‘Veterinaria e conservación de cetáceos’. A continuación procederase á entrega do Xuramento do Médico Veterinario, dun agasallo do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo e do libro Hill’s Atlas of Veterinary Clinical Anatomy aos titulados e tituladas. Pecharase o acto coas verbas dunha representación do alumnado e da decana do centro, Ana Mª Bravo del Moral. Economía A promoción de Economía celebrará o seu acto en Santiago ás 17.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca apadriñada polo presidente de Blusens, José Ramón García García. A vicerreitora de Economía e Infraestruturas, Sara Cantorna Agra, será a encargada de presidir a cerimonia na que ademais intervirán a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, María Emilia Vázquez Rozas; o presidente do Consello Galego de Colexios de Economistas, Roberto Pereira Costa; e a profesora María Pilar Murias Fernández. Química Unha nova promoción da licenciatura en Química da USC celebrará ás 18.00 horas na Aula Magna da Facultade o seu acto de graduación presidido pola vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo. A promoción está amadriñada pola profesora Marta Lores Aguín, do Departamento Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía, e apadriñada por Saulo Ángel Vázquez Rodríguez, do Departamento de Química Física. No acto intervirán ademais as alumnas Sandra Arias López e Sara Iglesias Antelo; o profesor Alberto Arce Arce, vogal da xunta directiva da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC; o decano presidente do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Antonio Macho Senra; e o decano da Facultade, Ramón José Estévez Cabanas.