Ir o contido principal

Veterinaria impulsa a formación dual do alumnado cun plan de estadías en empresas para desenvolver o TFG

Dous estudantes, na entrada da Facultade de Veterinaria da USC. Foto: Santi Alvite
Dous estudantes, na entrada da Facultade de Veterinaria da USC. Foto: Santi Alvite
O centro universitario do Campus Terra da USC ofrece este curso dez itinerarios formativos en ámbitos estratéxicos en firmas e entidades de Xove, O Cádavo, Castro de Rei, Silleda, Porriño, Rodeiro, Ames, Ourense, Segovia e Marrocos
Lugo

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC impulsa a formación práctica do seu alumnado cun plan pioneiro de estadías en empresas e entidades, nas que os futuros titulados poden desenvolver o seu Traballo de Fin de Grao baixo a titoría dun docente do centro universitario e de persoal da empresa.

O obxectivo principal deste plan piloto de formación dual é fomentar a formación práctica do alumnado de último curso de Veterinaria naquelas áreas estratéxicas que teñen maior oferta laboral e que presentan dificultades para a contratación de persoal cualificado, segundo comenta Gonzalo Fernández. O decano da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC entende asemade que esta iniciativa favorece unha maior conexión co tecido e produtivo e reforza a as relacións dos centro universitario lugués coas entidades colaboradoras (empresas, cooperativas, centros, asociacións, administracións...), ao tempo que permite unha maior implicación destas no deseño das actividades formativas dos futuros profesionais veterinarios, así como respecto do seu seguimento e da súa avaliación.

O bo resultados da experiencia de formación dual desenvolvida o pasado curso 2021-22, na que tomaron parte tres estudantes de último curso, serviu de acicate para que a Facultade de Veterinaria convocara o actual exercicio académico dez prazas para realizar este tipo de itinerarios formativos, a través dos que o alumnado pode facer o seu TFG na empresa ou entidade na que completa unha estadía en prácticas co apoio e baixo a titoría dun docente universitario.

Os ámbitos temáticos nos que o alumnado pode completar estancias en prácticas apropiadas para a realización do seu Traballo de Fin de Grao (TFG) son diversos, relata a vicedecana da Facultade de Veterinaria e  responsable do programa, Maribel Quiroga. O abano de posibilidades é amplo, engade, e abrangue áreas que van desde produción e saúde de animais de renta (aves), produción e saúde de animais acuáticos, produción e mellora xenética de gando vacún, produción e saúde de coellos, sustentabilidade na produción de gando vacún de carne, biotecnoloxía, bioseguridade e benestar en gando porcino, produción e saúde de peixes planos, transformación dixital de granxas ou un programa de cría e conservación.

A convocatoria actual solo permite un estudante por itinerario e empresa ou entidade, na que a persoa beneficiaria completará un plan formativo específico. Así, cada estudante realizará 4 semanas de prácticas dentro da materia Estancias Non Clínicas e na Administración (ENCA) e 5 semanas de prácticas dentro da materia Estancias Clínicas (EC), amparadas ambas baixo convenio e de maneira coordinada. Ademais, as persoas beneficiarias deste programa de formación dual poderán prolongar a estancia nos centros para a realización parcial ou total do seu TFG, sempre baixo a coordinación dun titor/a profesional e un titor/a académico/a. A temática destes Traballos de Fin de Grao debe presentar unha marcada orientación aplicada, a fin de ter unha repercusión real na empresa.

Axudas e empresas

O programa piloto de formación dual estancias/TFG posto en marcha pola Facultade de Veterinaria conta con apoio financeiro do Campus Terra, a través do convenio de colaboración asinado entre Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a USC para impulsar accións neste campus de especialización acreditado do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Daquela, cada un dos estudantes beneficiarios disporá dunha achega de 600 euros para contribuír a custear os gastos de mobilidade. Doutra banda, algunhas das empresas colaboradoras tamén ofrecen a posibilidade de gozar de aloxamento de balde.

O perfil de actividade das empresas adheridas a este programa pioneiro de formación dual en Veterinaria correspóndese cos itinerarios formativos ofertados, pero a súa localización é moi variada. De feito, na actual convocatoria inclúense empresas e entidades emprazadas en O Cádavo (Ovapiscis), Xove, Castro (Centro de Recría), Silleda (Nudesa), Porriño (CZ Vaccines), Rodeiro (Cogal), Ames (IXP Ternera Gallega), Ourense (Grupo Coren), Segovia (Pig Champ pro Europa) e Marrocos (Reneco International Wildlife Consultants LLC), indica o decano da Facultade de Veterinaria da USC, quen confía en ampliar no futuro o abano de destinos nos que ao alumnado poida ampliar a súa formación práctica e, de ser o caso, gozar dunha primeira experiencia laboral.

Martín Pérez Díaz, segundo pola esquerda, con persoal de Ovapiscis
Martín Pérez Díaz, segundo pola esquerda, con persoal de Ovapiscis
Martín Pérez Díaz completou unha estadía na empresa Ovapiscis, onde desenvolveu o seu TFG
Martín Pérez Díaz completou unha estadía na empresa Ovapiscis, onde desenvolveu o seu TFG
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2022.