Ir o contido principal

Veterinaria inaugura unha sala de actividades culturais e deportivas nas antigas instalacións da Aula de Produtos Lácteos

O grupo de tai-chi, entre os que se atopa a decana, realizou unha demostración ante os asistentes á inauguración
O grupo de tai-chi, entre os que se atopa a decana, realizou unha demostración ante os asistentes á inauguración

O vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres, inaugurou este martes a nova sala de actividades culturais e deportivas da Facultade de Veterinaria, situada no soto do pavillón número catro deste centro, e na que se van a impartir as catro actividades que oferta a Facultade: tai-chi, pilates, danza do ventre e tiro con arco.
No acto de inauguración estivo presente tamén a decana, Ana María Bravo Moral, así como os monitores das actividades e moitos dos participantes nas mesmas. Durante o mesmo realizouse en primeiro lugar unha demostración de tai-chi e despois outra de tiro con arco.
Esta nova sala preparouse nas instalacións que ocupaba nun primeiro momento a Aula de Produtos Lácteos antes de que fose trasladada ao Pazo de Feiras e Congresos. A obra foi realizada nun prazo de quince días e contou cun orzamento de 12.000 euros.
A súa construción estivo motivada, segundo explicou a decana, “pola saturación de actividades que ten actualmente a Aula de Teatro da Facultade, o que impedía o correcto desenvolvemento da programación cultural e deportiva do centro pola coincidencia de horarios”.
Indicou tamén Ana María Bravo que a aula estará dispoñible para o resto de actividades culturais que se desenvolvan no Campus de Lugo e aberta á participación de estudantes doutras carreiras.
Pola súa banda, o vicerreitor adiantou que continuarán os investimentos na infraestrutura cultural e deportiva do Campus de Lugo “que ten moitas carencias”. Mantivo o seu agradecemento ás institucións que permiten mediante convenios o uso das instalacións da cidade pero insistiu “na necesidade de ter as nosas propias”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.03.2008.