Veterinaria prepara a renovación da acreditación europea da facultade en 2018 coa constitución dunha comisión de traballo
A Facultade de Veterinaria vén de constituír un grupo de traballo para preparar a visita da comitiva da EAEVE que en 2018 volverá a visitar o centro universitario lugués para avaliar se cumpre os parámetros de calidade esixidos para renovar a acreditación europea que posúe desde o ano 2002 e que xa renovou en 2008.
O decano da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, Germán Santamarina, sinalou neste senso que a comisión creada para preparar este novo proceso de avaliación da EAEVE traballará durante os próximos catro anos para garantir que o centro universitario lugués siga a cumprir as esixencias de calidade que lle permitan renovar a condición de facultade acreditada en Europa. Este grupo de traballo estará liderado polo propio decano Germán Santamarina, así como polos demais integrantes do equipo de goberno desta facultade luguesa, os profesores Patricia Fernández Trocóniz, Marta Miranda e María de Izaskun Ibarguren. O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro; a ex decana de Veterinaria e integrante da EAEVE, Ana Bravo del Moral; o director do hospital clínico veterinario Rof Codina, Antonio Cantalapiedra, e os profesores Rosario Panadero, da área de Sanidade Animal; Carlos Franco Abuín, de Hixiene e Tecnoloxía de Alimentos, e Margarita Rico, da área de Produción Animal, completan esta comisión encargada de preparar a nova visita da EAEVE. Optimista de cara a que a Facultade de Veterinaria de Lugo acade unha nova avaliación positiva en 2018, o decano Germán Santamarina salientou a importancia que terá neste proceso a importante renovación das instalacións do hospital veterinario Rof Codina que se prevé acometer nos vindeiros anos, unha actuación que, na súa opinión, redundará nunha mellora da calidade e da capacidade docente do centro universitario, así como do potencial investigador do campus de Lugo. As obras do Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria (Cebiovet), cuxa adxudicación foi aprobada na última reunión do Padroado da Fundación Rof Codina, comezarán nas próximas datas e estarán rematadas en 2015, lembrou Santamarina. Compromiso coa calidade A Facultade de Veterinaria avanza con paso firme no seu compromiso coa progresiva mellora da calidade, tanto no eido da docencia como no da experimentación e investigación, subliña Germán Santamarina. O decano do centro universitario lugués indica neste senso que o informe de seguimento positivo do título de grao en Veterinaria que vén de emitir a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) é unha proba máis deste compromiso pola mellora da calidade. A imaxe de calidade que depara a Facultade de Veterinaria de Lugo no contexto nacional e internacional ten unha incidencia positiva no proceso de matrícula, segundo sinala Germán Santamarina, quen indicou que as estatísticas de novos/as estudantes de grao inscritos/as no primeiro prazo de matrícula constatan que máis da metade dos futuros alumnos/as proceden de fóra de Galicia. Asturias, Cataluña e Madrid son, ata a data, as comunidades autónomas máis representadas, engadiu. Santamarina tamén salientou que o grao en Veterinaria segue a espertar moito interese no estudantado, como o proba o feito de que a Facultade rexistrara máis de 900 solicitudes para comezar esta titulación o vindeiro curso 2014-15. A demanda supera en máis de oito veces o número de novas prazas ofertadas (110) no grao de Veterinaria, que xa cubriu o 75% da matrícula logo do primeiro prazo e que, previsiblemente, estará completo logo do novo período de inscrición que estará aberto do 28 ao 30 deste mes, dixo Santamarina.