Ir o contido principal

Veterinaria relaciona nunha investigación en cans valores de perfís minerais coa patoxenia de determinadas enfermidades

As análises estatísticas realizadas ao abeiro desta liña de traballo puxeron de manifesto como os animais con patoloxías hepáticas, renais e inflamatorias-infecciosas tiñan variacións significativas dos principais elementos traza (Cu, Se, Zn e Mo) no sangue. FOTO: Santi Alvite
As análises estatísticas realizadas ao abeiro desta liña de traballo puxeron de manifesto como os animais con patoloxías hepáticas, renais e inflamatorias-infecciosas tiñan variacións significativas dos principais elementos traza (Cu, Se, Zn e Mo) no sangue. FOTO: Santi Alvite
O estudo desenvolvido polo grupo Investigación en Medicina Animal da USC e incluído na tese de doutoramento de Yolanda Cedeño Prócel impulsa outras liñas traballo en medicina humana e en animais de compañía que se están a realizar en colaboración co Hospital Universitario Lucus Agusti (HULA) e coa Universidade de Zaragoza
Lugo

Unha investigación sobre o valor diagnóstico dos perfís minerais en cans desenvolvida polo grupo Investigación en Medicina Animal (IMedA) Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC permite establecer rangos de referencia para elementos esenciais e para o nivel de exposición a elementos tóxicos. Este estudo,  cuxos resultados forman parte da tese de doutoramento realizada por Yolanda Cedeño Prócel baixo a dirección das profesoras Marta Miranda Castañón e Marta López Alonso, posibilitou asemade avanzar na identificación de alteracións clínicas asociadas con variacións séricas de elementos de traza e de parámetros bioquímicos.

As análises estatísticas realizadas ao abeiro desta liña de traballo puxeron de manifesto como os animais con patoloxías hepáticas, renais e inflamatorias-infecciosas tiñan variacións significativas dos principais elementos traza (Cu, Se, Zn e Mo) no sangue. Ademais, máis do 25% dos casos oncolóxicos presentaban variacións importantes no perfil mineral. Estes resultados, salientan as investigadoras, apuntan que a determinación de elementos traza no sangue pode aportar información útil na patoxenia de certas enfermidades. A interpretación destes datos, en conexión con outros parámetros bioquímicos e ferramentas diagnósticas, ofrece ademais información importante que pode resultar de utilidade para tanto para o diagnóstico como para o prognóstico de diferentes enfermidades.  

A investigación, que vén de ser publicada en dous artigos na revista internacional Animals, responde a unha liña de traballo de carácter preliminar que serviu de antesala doutros estudos que se están a desenvolver tanto en medicina humana, en colaboración co Hospital Universitario Lucus Agusti (HULA), como en animais de compañía (cans e gatos), pescudas que o centro universitario lugués colabora, entre outras, coa Facultade de Veterinaria de Zaragoza. 

As conclusións obtidas desta primeira fase da investigación constatan que a análise de elementos traza no sangue ten un cometido importante na enfermidade, especialmente nas reaccións de fase aguda. O cobre actúa como medida indirecta da proteína de fase aguda positiva ceruloplasmina, mentres que o selenio (Se) e o zinc (Zn) son reactivos de fase aguda negativa. Ademais, o molibdeno (Mo) molibdeno tamén podería ser un marcador temperán de enfermidades renais.

As deficiencias de elementos traza están asociadas cun maior risco de morbilidade e mortalidade, segundo se recolle neste estudo, no que se probou que as mascotas caninas con hepatite crónica presentan altos niveis de cobre (Cu) no fígado, ademais de taxas altas de cobalto (Co), manganeso (Mn) e zinc (Zn)  presentan tamén niveles altos de Co, Mn y Zn. Estas primeiras conclusións, aconsellan impulsar novas investigacións para estudar os potenciais beneficios asociados ou derivados da suplementación con oligoelementos antioxidantes en doentes con enfermidades graves.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2021.