Ir o contido principal

O veterinario Gonzalo López recolle en Lyon un premio europeo por unha investigación sobre Circovirus Porcino Tipo 2 (PCV2)

O chantadino Gonzalo López, no centro, na cerimonia de entrega do European PCV2 Award
O chantadino Gonzalo López, no centro, na cerimonia de entrega do European PCV2 Award
A multinacional Boehringer Ingelheim distingue con 25.000 euros a proposta de I+D do grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia do Campus Terra da USC

O veterinario chantadino egresado da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC e membro do grupo de Investigación en Sanidade Animal de Galicia (Invesaga) vén de recoller na cidade francesa de Lyon o Premio European PCV2 Award, un galardón dotado con 25.000 euros en metálico e a través do que cada ano a multinacional veterinaria Boehringer Ingelheim distinguen os tres mellores proxectos de investigación europeos sobre Circovirus Porcino Tipo2 (PCV2).

A proposta de I+D presentada por López Lorenzo e galardoada na última convocatoria do European PCV2 Award leva por título ‘Aplicación da detección ambiental do PCV2 a través do emprego da qPCR no estudo epidemiolóxico da infección’. Esta liña de traballo capitaliza a investigación que está a realizar o propio Gonzalo López ao abeiro da tese de doutoramento que está a desenvolver no Departamento de Patoloxía Animal da USC baixo a dirección do profesor Gonzalo Fernández, que tamén forma parte do Invesaga da USC, un equipo catalogado pola Xunta de Galicia como Grupo de Referencia Competitiva.

O proxecto de I+d+i presentado por este investigador do Campus Terra da USC á última convocatoria do European PCV2 Award propón a aplicación de detección deste virus en mostras ambientais por qPCR, coa pretensión de poder determinar a diseminación e a transmisión do virus nas explotacións, ademais de testar a influencia da vacinación na eliminación do axente vírico polos animais.

Os resultados obtidos ao final deste proceso de investigación permitirán establecer medidas máis eficaces e eficientes en relación ao control e á prevención desta enfermidade, segundo argumenta o doutorando da USC Gonzalo López.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.02.2017.