O veterinario meirego Alexandre Rico, primeiro bolseiro da Fundación Caixa Rural Galega e Tomás Notario
O meirego Alexandre Rico Fernández, que completou os estudos de grao na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC e está a completar un programa de intercambio en Minnesota (Estados Unidos) sobre a análise de diferentes estratexias de tratamento de enfermidades, así como respecto da súa implementación e manexo de datos en explotacións gandeiras, acaba de converterse no primeiro bolseiro de posgrao da Fundación Caixa Rural Galega e Tomás Notario Vacas, cuxo padroado resolveu outorgar a este veterinario lugués de 25 anos de idade unha achega de ata 40.000 euros. Esta achega económica permitirá a Rico Fernández continuar a ampliar a súa formación en Estados Unidos, onde prevé cursar o mestrado en Medicina Preventiva Veterinaria que imparte a Universidad de California en Davis.
Nado no seo nunha familia de veterinarios e gandeiros da Terra Cha, unha circunstancia que lle permite ser un bo coñecedor da realidade rural galega e, en particular, das conxunturas das explotacións leiteiras, Alexandre Rico destacou xa polos seus méritos académicos na súa estadía formativa no campus lugués, segundo recolle a Fundación Caixa Rural Galega e Tomás Notario na resolución da súa primeira convocatoria de bolsas de posgrao.
A entidade mantén que o perfil de Alexandre Rico Fernández cumpre todos os obxectivos que persegue a Fundación Caixa Rural Galega e Tomás Notario a través desta convocatoria de axudas, dado que a formación do mestrado solicitado como o centro de estudos no que completará esta formación son de máximo nivel e vangarda internacional, ao tempo que se antolla como un itinerario axeitado para acadar a excelencia e a especialización. O obxectivo destas axudas, aclara a Fundación Caixa Rural Galega e Tomás Notario pasa porque as persoas beneficiarias destas bolsas acaden capacitación que reverta despois no progreso e na mellora das actividades produtivas e, polo tanto, no desenvolvemento socioeconómico de Galicia.