O VI Congreso Nacional de Criminoloxía reúne na USC aos principais especialistas da materia
Os principais especialistas d o Estado no eido da criminoloxía reúnense entre este xoves 18 e o sábado 20 na USC no marco do VI Congreso Nacional de Criminoloxía. Este encontro de carácter anual organízao dende o ano 2004, a Sociedad Española de Investigación Criminológica (SEIC) en conxunto coa Federación de Asociacións de Criminólogos de España (FACE).
A sesión inaugural do congreso celebrarase este xoves 18 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 9:30 horas presidida polo vicerreitor de Profesorado e Organización Académica. Xunto a el estarán presentes ademais a secretaria xeral de Institucións Penitenciarias do Ministerio do Interior, Mercedes Gallizo; a secretaria xeral de Familia e Benestar Social da Xunta, Susana López; o presidente do Comité Organizador do encontro, o profesor Jorge Sobral; o presidente da SEIC, Gonzalo Escobar; o presidente da FACE, Antonio García; e a coordinadora de UDIPRE, a profesora Mª Ángeles Luengo.
Considerado o máximo experto mundial no estudo da psicoloxía dos psicópatas criminais, o profesor Robert Hare, da Universidade canadense British Columbia, pronunciará ás 10:00 horas a conferencia inaugural deste congreso, baixo o título ‘Psicopatía e predición do risco de reincidencia’. O doutor Hare é responsable dun método para o diagnóstico das psicopatías que alcanzou o máximo nivel de recoñecemento da comunidade científica, o PCL (Psychopathy Checklist). Ademais, ten dedicado gran parte da súa vida ao estudo da psicopatía e neste momento a súa obra é referencia ineludible na investigación sobre detección e predición da violencia criminal no eido mundial.
O conferenciante mantén unha estreita colaboración co grupo Udipre da USC, que xunto con Camiña Social están a realizar un estudo co obxecto de elaborar protocolos para avaliar o risco en menores.
Como anticipo das sesións propiamente científicas, o congreso xa celebra este mesmo mércores 17 dous talleres, o primeiro sobre a adaptación cultural de programas de prevención empiricamente validados e outro sobre cuestións actuais na avaliación das psicopatías. Na organización do congreso, xunto a Mª Ángeles Luego e Jorge Sobral, figuran Estrella Romero, presidenta do Comité Científico; Xosé Antón Fraguela, coordinador do encontro; e Paula Villar Torres, secretaria do Congreso.