As VI xornadas AGALI presentan o mércores en Ciencias da Educación o Proxecto Terra
A Asociación Universitaria de Ciencias Sociais e Humanidades Galicia Iberoamérica (AGALI) que preside o profesor da USC Xosé Carlos Macía desenvolve as súas sextas xornadas o próximo mércores, 2 de marzo, que dedicarán á presentación do Proxecto Terra.
O encontro terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) a partir das 17.30 horas e nel Rocío Romar Roel será a encargada de presentar o proxecto e a súa vinculación curricular coas etapas educativas da educación primaria e secundaria, ademais de facer un repaso aos principais contidos didácticos e presentar experiencias de aula.
Aínda que aberto a toda persoa interesada, o encontro diríxese especialmente ao alumnado do mestrado de Profesorado para Educación Secundaria nas especialidades de Didácticas aplicadas en ciencias sociais e naturais, do mestrado de Xeografía e do grao de Mestre/a en Educación Primaria.
Nestas sextas xornadas colaboran os grupos de investigación da USC Roda e ANTE, a rede NEDAT, o Colexio de Xeógrafos de Galicia, Nova Escola Galega e a propia asociación AGALI.
Terra
Terra é un proxecto de cooperación co mundo da educación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e cofinanciado pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, dirixido ás distintas etapas da educación obrigatoria co obxectivo de colaborar no proceso de construción do coñecemento que os escolares de Galicia deben ter da nosa arquitectura e da nosa identidade territorial.