Ir o contido principal

As VI Xornadas ‘Educación e linguas en Galicia’ analizan os dez anos de aplicación do Decreto do Plurilingüismo

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas
Este foro impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación celebrarase os días 7 e 8 de novembro
Santiago de Compostela

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación impulsa as VI Xornadas ‘Educación e linguas en Galicia’ que terán lugar os vindeiros días 7 e 8 de novembro. Este foro aborda as luces e as sombras da aplicación do Decreto do Plurilingüismo nos centros dos diversos niveis educativos, desde infantil ata a universidade.

O Decreto do Plurilingüismo promulgouse a principios de 2010 no medio dunha gran controversia política e pública sobre as linguas oficiais en Galicia, apuntan dende a organización das xornadas. Logo destes dez anos de aplicación, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación considerou a oportunidade de realizar unha análise sobre como se está implementando o Decreto nos centros dos diversos niveis educativos e os resultados lingüísticos e non lingüísticos en canto á adquisición de competencias por parte do alumnado segundo o marco legal, que sitúa como obxectivo a igualdade de competencias en galego e castelán, as dúas linguas oficiais. Neste senso, a organización subliña que o decreto introduciu a posibilidade de impartir materias non lingüísticos en idiomas estranxeiros.

As xornadas pretenden analizar que significa que un centro escolar sexa oficialmente plurilingüe e que planificación e estratexia se require para selo; saber se existe a suficiente coordinación interna entre os diversos departamentos afectados; ou descubrir se melloraron as competencias en inglés do alumnado destes centros. Ademais o foro analizará o influxo da adquisición de competencias en galego (lingüísticas e actitudinais); a limitación de horas docentes vehiculadas en galego; a adquisición por parte do alumnado dun bo nivel nas materias que se imparten en inglés; e a determinación de se hai algún perigo de elitización e desigualdade do ensino.

Programa

Logo de introducir o marco legal que debuxa o Decreto do Plurilingüismo mediante un relatorio a cargo do profesor Nel Vidal, as xornadas abordarán a experiencia da implementación desta norma en centros de infantil, primaria e secundaria mediante tres mesas redondas nas que participarán direccións de centros, profesorado-titor de infantil e primaria, e profesoras de Lingua Galega, Lingua Inglesa e Física e Química, así como o responsable do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega.

Ademais, as xornadas tamén servirán para que a propia Facultade de Ciencias da Educación realice unha autocrítica en relación á formación (socio)lingüística que o alumnado das titulacións que imparte recibe do centro. Serán catro estudantes do centro os que reflexionarán sobre esta cuestión na mañá do venres 8 de novembro, desta volta na sede do Campus Vida. Finalmente, a profesora Rosalía Fernández Rial, doutora en didáctica das Linguas, propoñerá no seu relatorio estratexias para mellorar o ensino dos idiomas.

Inscrición e recoñecemento

As xornadas están dirixidas, preferentemente, ao alumnado e ao profesorado da Facultade de Ciencias da Educación, así como de Filoloxía e Formación do Profesorado de Lugo, aínda que tamén están abertas a calquera persoa interesada. O prazo de inscrición nas xornadas está aberto de balde nesta ligazón ata o 5 de novembro As 200 prazas cubriranse por orde de chegada. As persoas que asistan recibirán un diploma de asistencia por nove horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2019.