Viaño di que programas como o Máster de Enxeñaría da Madeira Estrutural proban que a Universidade é o motor da sociedade
O reitor da USC, Juan Manuel Viaño Rey defende que a Universidade é o futuro e o motor da sociedade sempre e cando dé respostas os seus problemas e ás súas demandas. Viaño realizou estas declaracións no acto de clausura e entrega de premios aos mellores proxectos da quinta edición do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, un posgrao propio da USC organizado pola Plataforma de Madeira Estrutural (Pemade) da Escola Politécnica Superior co financiamiento de Confemadera Hábitat Galicia.
A cerimonia académica que serviu de peche ao Máster de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC congregou este venres no salón de actos da EPS a boa parte das 24 persoas, titulados universitarios e profesionais, que completaron esta formación de posgrao singular en España ao longo do curso 2013-14, así como aos vicerreitores de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez. O catedrático do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e director do máster, Manuel Guaita; o presidente de Confemadera Hábitat Galicia, Elier Ojea, e o profesor da USC e presidente do tribunal encargado de fallar os premios aos mellores proxectos, Juan Ortiz, tamén interviron como relatores no acto. O catedrático Manuel Guaita salientou na súa intervención o interese sostible que esperta este título propio da USC entre a comunidade universitaria e tamén en determinados colectivos profesionais, tal é como é o dos arquitectos. Neste senso, o director do Máster de Enxeñaría da Madeira Estrutural lembrou que a terceira parte das persoas inscritas neste posgrao son titulados universitario ou profesionais en exercicio procedentes de Asturias, Navarra, Valladolid, Sevilla e Zaragoza, mentres que os 18 alumnos/as restantes veñen de diferentes localizacións da xeografía galega. Unha realidade parella á que atinxe ao estudantado afecta tamén ao profesorado deste máster, entre os que se atopan 16 docentes da USC e máis de 40 pertencentes a outras universidades, empresas centros de investigación... O director do máster lembrou asemade que as persoas que completaron este programa formativo, estruturado en 500 horas de formación de carácter semipresencial, tamén participaron ao largo do presente curso en dúas viaxes de traballo a Italia e Austria, así como en numerosas visitas de traballo a empresas galegas e tamén de fóra de Galicia. Logo dunha emotiva exposición do director do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, o presidente de Confemadera Hábitat Galicia, fixo un alegato a prol da madeira, “o material do século XXI”, dixo, ao tempo que destacou a oportunidade e o interese que ten para o sector e para o tecido empresarial un programa formativo como o promovido por Pemade. Entrega de premios A cerimonia de clausura da quinta edición do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural serviu asemade para entregar os premios aos autores os tres mellores proxectos finais, uns galardóns dotados con gratificacións en metálico de 800, 400 e 250 euros, respectivamente, que recaeron en Ekiñe Ruiz, Antonio José Lara e Laura Gonzalo. Esta última acadou o primeiro premio por un proposta de estrutura cuberta de usos variados para unha superficie de 1.500 metros cadrados. Alumnos e docnetes do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC