Unha viaxe polo Lugo de onte e hoxe a través da mostra do XV Maratón Fotográfico do campus
Achegarnos estes días á sala B do centro social Uxío Novoneyra é iniciar unha singular viaxe, un percorrido polo Lugo de onte e de hoxe a través dos 57 traballos que se presentaron á décimo quinta edición do Maratón Fotográfico do campus. Preto de sesenta imaxes en branco e negro, que permitiron dar renda solta á inspiración e a sensibilidade duns universitarios que se perfilan como novos valores da fotografía galega, e que agora nos ofrecen aos espectadores unha nova visión, especial e creativa, da capital luguesa.
As temáticas do maratón deste ano –o automóbil e decumanus maximus cardo maximus foro- serviron de convite para facernos virar sobre os nosos pasos. A priori podían parecer dous temas alleos, distantes, pero o certo é que esta mostra descúbrenos que están estreitamente ligados na cidade bimilenaria de Lugo. Cando Paulo Fabio Máximo fundou Lucus Augusti e a organizou a través do foro situado na parte máis alta da cidade, e os dous eixes viarios principais -o cardo maximus e o decumanus maximus- era impensable que eses mesmos eixes serían un día ocupados polos automóbiles, grandes descoñecidos de entón que se tornaron en pouco menos que imprescindibles co paso do tempo.
Co nexo común que lles infiren estas temáticas, as fotografías da mostra convidan á reflexión e conseguen conectar cos sentimentos, ao inmortalizar anacos da vida cotiá, pequenos detalles que vemos a cotío sen apenas darnos conta e que, en realidade, son grandes porque sen eles nada sería o mesmo.
Os interesados en emprender esta viaxe de sensacións sen saír da cidade, poden visitar esta mostra ata o 22 de decembro no centro social municipal Uxío Novoneyra, de luns a venres e en horario de 16:00 a 21:00 horas. A exposición iniciará logo un percorrido por diferentes centros universitarios lugueses, para seguir a sorprender con estas fotografías e, por qué non, para espertar a inspiración de novos estudantes de cara ao novo maratón que se desenvolverá no vindeiro mes de marzo.