As viaxes de Carlos López ‘Calrús’, nunha mostra fotográfica en Fonseca

Este venres, 2 de febreiro, inaugúrase no Colexio de Fonseca a exposición fotográfica ‘ Desemellanzas’, unha selección de 123 fotografías en branco e negro realizadas por Carlos López García ‘Calrús’ nas súas viaxes por lugares de diferentes continentes ao longo de varios anos. O acto, aberto ao público en xeral, será ás 20.00 horas.
Son un total de 163 fotografías en branco e negro e un breve vídeo titulado ‘Meniños’ que contén 44 retratos de nenos e nenas de Benín, Burkina Faso, Etiopía, Mali e Togo. O retrato é o xénero preferido do autor, nunha procura pola beleza do ser humano: expresións inocentes, serenas, perdidas, atentas, profundas; o brillo da mirada; as mans, as engurras, os sorrisos...
Calrús naceu na Coruña e é veciño de Compostela desde hai máis de 30 anos. Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e funcionario da Xunta de Galicia, a súa paixón pola fotografía comezou na adolescencia cando recibiu a súa primeira cámara fotográfica, unha Kodak Instamatic 25, que aínda conserva en perfectas condicións. Na ‘época analóxica’ montou un humilde laboratorio de branco e negro nun armario encaixado
A cor e o branco e negro teñen para el lecturas diferentes xa que a cor “asalta a primeira vista, chama especialmente a atención a vestimenta, a combinación das cores, o favorecedores que poidan resultar”, mentres que en branco e negro “un se fixa máis máis nos rostros, nas expresións, nas marcas da vida”.
Calrús é un apaixonado das viaxes, de coñecer outras culturas. En 2011 elaborou un blogue de fotografía en branco e negro (https://calrus.blogspot.com.es) e desde entón todos os meses procura subir unha nova entrada, a maioría relacionada con esas viaxes.
‘Desemellanzas’ poderá visitarse ata o 9 de marzo de luns a sábado en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.