O vicerreitor Lourenzo Fernández Prieto asistiu á inauguración das II Xornadas Emprende en Compostela
As II Xornadas Emprende en Compostela comezaron este martes 23 no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago cun acto inaugural presidido polo alcalde do Concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e ao que tamén asistiron o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, Jesús Chenel; o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, e o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto, que actuou en calidade de reitor en funcións ao atoparse Senén Barro en China.
As Xornadas Emprende en Compostela diríxense tanto ás persoas con interese en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos como ás que están dando os seus primeiros pasos ao frente da súa empresa. Promovido pola Concellaría de Promoción Económica de Santiago, o encontro enmárcase no programa de fomento da cultura emprendedora Compostela Activa 2007.
O programa da xornada articúlase en catro paneis de experiencias nos que se repasarán as particularidades dos sectores de servizos e comercial, as empresas de base tecnolóxica e os empresarios individuais. Ademais, desenvolveranse tres ponencias e outros tantos obradoiros para o emprendemento dedicados á sucesión xeracional, a posta en marcha dunha franquicia e a busca de axudas públicas. O presidente do grupo de empresas Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim, pronuncia a conferencia de clausura titulada ‘Galicia, cultura empresarial. A empresa necesaria’.
Concibidas dun xeito práctico e didáctico, as distintas actividades previstas teñen como obxectivo propiciar que as persoas que asistan poidan intervir e intercambiar experiencias e coñecementos en base ás explicacións dos emprendedores sobre as súas experiencias no desenvolvemento dos respectivos proxectos empresariais.