O vicerreitor Luis Lima incorpórase ao comité executivo da comisión sectorial da CRUE para asuntos académicos

O vicerreitor de Organización Académica e Persoal Docente e Investigador, Luis Lima, acaba de ser designado como vogal do comité executivo da comisión sectorial de Asuntos Académicos da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE).
A Comisión Sectorial Crue-Asuntos Académicos coordina as actividades académicas das universidades españolas e fórmana os máximos representantes con competencias neste ámbito. Entre as súas actividades atópanse o estudo, debate e elaboración de propostas no ámbito da política universitaria en todo o relativo á ordenación académica, profesorado e calidade no sistema universitario español.
Conformada por 76 universidades, 50 públicas e 26 privadas, CRUE Universidades Españolas é o principal interlocutor das universidades co goberno central e desempeña un papel clave en todos os desenvolvementos normativos que afectan á educación superior en España.