A vicerreitora de Investigación e Innovación aposta por incrementar a participación en máis proxectos europeos
A vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso, reuniuse este venres 11 na Facultade de Dereito cos investigadores da USC para debater sobre as actuais liñas de actuación que a universidade está a realizar no eido científico. Durante o acto, María José Alonso fixo fincapé na necesidade de participar nun maior número de proxectos europeos ao mesmo tempo que se busca a captación de fondos económicos en iniciativas nacionais e autonómicas.
Á reunión tamén asistiron o coordinador da Oficina de Proxectos Europeos da USC, Fernando Sedano, e o xefe da unidade de xestión económica de Oficina de Investigación e Tecnoloxía da universidade, Delfín Pérez, que falou sobre financiamento de I+D.
A investigación na USCMaría José Alonso repasou neste encontro a situación da investigación na USC, resumindo as porcentaxes de participación en programas nacionais e internacionais, a produción científica, a captación de recursos económicos ou o investimento en infraestruturas, entre outras cuestións.
Ademais, destacou a redución do número de bolseiros e o aumento de persoal contratado, o incremento das publicacións en revistas de recoñecido prestixio e o desequilibrio que existe entre docencia e investigación. Sobre este último aspecto, a profesora Alonso indicou a posta en marcha de iniciativas que igualen o número de horas dedicadas á ensinanza e á produción científica.
En xeral, María José Alonso explicou que os puntos fortes da investigación na USC son a existencia duns recursos humanos competitivos e de infraestruturas de apoio á investigación axeitadas. Por iso, anunciou que as nosas oportunidades de futuro son o recoñecemento da actividade investigadora a través de políticas de calidade e a valoración do esforzo investigador.
Pola contra, a vicerreitora de Investigación explicou que as debilidades da institución docente compostelá son os limitados recursos para incentivar á investigación e a inadecuada distribución do espazo. De cara ao futuro, as ameazas poden ser a falta de motivación entre o persoal e a súa marcha a outras universidades.