Víctor Mouronte gaña o concurso de lemas ‘Facendo enxeñaría en galego’ con ‘Imaxina, investiga, descubre... ENXEÑA’
O enxeñeiro de Montes Víctor Mouronte Barreiro gañou o concurso de lemas ‘Facendo enxeñaría en galego’, convocado pola comisión de normalización lingüística da Escola Politécnica Superior de Lugo para dar promoción ao centro en lingua galega e tamén para fortalecer o emprego deste idioma nas ensinanzas técnicas, coa proposta ‘Imaxina, investiga, descubre... Enxeña’.
O xurado encargado de fallar o vencedor deste certame seleccionou a proposta gañadora do total de 21 lemas presentados a concurso pola súa linguaxe directa, que anima á acción, así como pola forma en que presenta a enxeñaría como ámbito ou espazo para desenvolver unha serie de actividades tan relevantes para o coñecemento científico como o son a a creatividade e a investigación. Os profesores da Escola Politécnica Superior e membros da comisión de normalización lingüística do centro Ana I. García Arias, Pablo Vila Lameiro e Xerardo Casal Urcera formaron parte do xurado desta primeira edición do concurso de lemas ‘Facendo enxeñaría en galego’, un tribunal no que tamén estivo presente o director da Politécnica, Javier Bueno, e o responsable de Servizo de Normalización Lingüística no campus de Lugo, Xusto Rodríguez.
Unha vez fallado e publicado o gañador deste certame de lemas en galego, Víctor Mouronte Barreiro, recibirá nos vindeiros días unha tablet, valorada en máis de 200 euros, establecida como premio único deste certame.