Ir o contido principal

Victoria Becerra ingresa na Academia de Enfermaría de Galicia cun discurso sobre a prevención como técnica cirúrxica básica

Cartel da xornada
Cartel da xornada
O acto de recepción e investidura desenvolverase este venres, ás 18.00 horas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca

A profesora da USC María Victoria Becerra Sueiro formalizará este venres o seu ingreso na Academia de Enfermaría de Galicia no marco dun acto solemne de recepción e investidura, que se desenvolverá a partir das 18.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. O presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, Isidoro Rodríguez Pérez, será o encargado de abrir a sesión, durante a que a nova académica de número pronunciará un discurso baixo o título ‘Técnica aséptica básica cirúrxica: unha volta aos clásicos’, co que busca, ademais de contribuír a actualizar os coñecementos relacionados coa súa actividade profesional, tributar unha pequena homenaxe aos clásicos.

Becerra Sueiro apoiará a súa intervención na súa experiencia como enfermeira cirúrxica, a través da que pretende amosar a necesidade de volver á perspectiva metodolóxica clásica centrada na prevención da infección, unha faceta que, na súa opinión, resulta de gran importancia na investigación clínica hospitalaria aplicada aos coidados cirúrxicos.

A académica numeraria e vicepresidenta primeira do Academia de Enfermaría de Galicia, Mercedes González Peteiro, pronunciará o discurso de réplica que servirá de colofón dun acto que pretende servir de homenaxe e recoñecemento á dilatada experiencia de María Victoria Becerra Sueiro. A vida profesional de Sueiro Becerra como enfermeira de quirófano estivo centrada na cirurxía cardíaca e de transplantes no Hospital Clínico Universitario de Santiago. A este cometido cómpre sumar a actividade desenvolvida como profesora na Facultade de Enfermaría da USC e que vén avalada por unha ampla relación de comunicacións e participacións en congresos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2019.