Ir o contido principal

Un vídeo sobre as criptomoedas gaña o I concurso ‘Mocidade ao mando: explorando a Economía e a Empresa’

Instante do vídeo gañador do certame
Instante do vídeo gañador do certame
O certame diríxese a alumnado de ensino medio, que participa con pezas audiovisuais relacionadas coa economía ou a empresa

As alumnas Lucía Gil Batalla e Rosalía Moraig Rodríguez, do IES Rosalía de Castro de Santiago, fixéronse co primeiro premio do concurso Mocidade ao mando: explorando a Economía e a Empresa coa peza Pagas ti (Criptomoedas). O profesor Manuel M. Fandiño Castro foi quen titorizou o traballo, premiado con 150 euros.

O certame, que convocan a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e o Servizo de Normalización Lingüística, diríxese a alumnado de ensino medio de toda Galicia, que debe presentar un vídeo en galego no que se presenten petiscos ou pílulas sobre calquera tema relacionado coa economía ou a empresa. Nesta edición recibíronse un total de 17 propostas de 8 centros de ensino secundario.

O segundo premio, cunha dotación de 100 euros, foi para o vídeo Os sectores produtivos das alumnas Elena Novo Marizo, Victoria Pardo Alonso e Ana Fernández San Gil, do IES Isaac Díaz Pardo, titorizadas polo profesor Francisco Xabier Doporto Santos. Pola súa banda, as estudantes Carmen Ánguez López e Lucía Díaz Jacob, do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, fixéronse co terceiro (e 50 euros) coa peza Distribución da riqueza baixo a coordinación da profesora María del Mar Neira González.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2024.