Vigalicia e Foro Vida Independente, colaboradoras da USC, apoian a II Marcha pola visibilidade dos dereitos humanos

As rúas de Madrid serán o vindeiro sábado, día 13, escenario da II Marcha pola Visibilidade da Diversidade Funcional para reivindicar o cumprimento dos preceptos da Convención da ONU acerca dos Dereitos das Persoas con Discapacidade nos que se afirma a súa discriminación por ser diferentes.
As asociacións Vigalicia e a sección galega de Foro Vida Independiente, dúas organizacións cunha intensa colaboración coa USC, súmanse a esta iniciativa, segundo manifestaron nun acto celebrado na Universidade no que participaron o coordinador do Servizo de Participación e Integración Universitaria da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, Javier Agrafojo; o delegado da European Network of Independent Living (ENIL), Juan José Marañá; e responsable de Vigalicia, José Antonio Novoa.
A marcha sairá a partir das 18:00 horas da Praza Jacinto Benavente percorrendo a Rúa Atocha ata chegar ás proximidades da Glorieta de Atocha. Baixo o lema ‘¡Dereitos Humanos Xa!’, os participantes demandan unha vida en liberdade no seu contorno social e reivindican ser vistos como cidadáns diversos, fuxindo de estereotipos de caridade e asistencialismo imperantes actualmente.
A iniciativa, desenvolta polo Foro de Vida Independente xunto con outras entidades como VIgalicia, enmárcase dentro da Rede de Marchas que do 13 de setembro ao 10 de decembro acolle a organización dunha serie de marchas e concentracións, algunha delas en Galicia.
O Foro Vida Independente é unha agrupación cidadá de máis de 750 persoas que busca loitar contra a discriminación e pola igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional. Deste xeito, tanto esta asociación como VIgalicia, reclaman o cumprimento dos dereitos destas persoas sen reparar se a diversidade é física, mental, intelectual ou sensorial.