O VII certame de fotografía Ruth Matilda Anderson pon o foco no derrubamento dos estereotipos de xénero
Sacar á luz o labor historicamente invisibilizado que desenvolven as mulleres na sociedade e contribuír a deconstruír os estereotipos de xénero no relativo a traballos supostamente propios de mulleres ou homes é a meta sobre a que se asenta o certame de fotografía Ruth Matilda Anderson que neste 2021 chega á súa sétima edición. O prazo para participar nesta iniciativa manterase aberto ata o vindeiro 10 de setembro e a temática dos traballos presentados terá unha relación directa coas mulleres dende diversas perspectivas —visibilización do traballo, mulleres e ciencia, ou rompendo estereotipos de xénero— premiándose a creatividade, innovación e o impacto da imaxe.
“Coa elección de Ruth Matilda Anderson para dar nome a este certame, lémbrase a unha muller que fixo un traballo importante nun campo tradicionalmente desenvolvido por homes, e a súa destacable obra, na que se inclúe o retrato que Ruth Matilda fixo da muller galega dos anos 20”, explican dende a Oficina de Igualdade de Xénero da USC. O certame está dirixido a alumnado antigo e actual da USC, así como a todo o persoal da institución compostelá.
O formato das imaxes presentadas deberá ser dixital, cunha resolución mínima de 300 ppp, orientación horizontal, e tamaño A3 ou A4. O xurado seleccionará as doce fotografías de maior calidade técnico-artística sempre que se axusten á temática establecida na convocatoria. De entre estas, o xurado escollerá as tres mellores. O primeiro premio conta cunha dotación económica de 1.000 euros, alén de que esta fotografía sexa a utilizada pola USC, como cartel conmemorativo do Día Internacional das Mulleres no ano 2022. A persoa recoñecida co segundo premio recibirá 800 euros, e a que recolla o terceiro, gañará 500 euros. Ao importe de cada un destes premios aplicaráselle as retencións previstas na vixente lexislación tributaria. Se o xurado o estimase conveniente poderá deixar algún ou todos os premios desertos. Coas doce fotografías finalistas elaborarase un calendario. Esta iniciativa conta co apoio do Concello de Santiago.