Ir o contido principal

O VII Encontro Universitario de Danza clausúrase en Lugo con novas actuacións

Catro grupos presentarán o seu traballo no Museo pola tarde e todos escenificarán unha coreografía pola mañá na rúa da Raíña

O VII Encontro Universitario de Danza, dirixido e coordinado por Juan Carlos Zahera, chega este xoves 23 ao seu final en Lugo, tras dous días de actividades nos dous Campus.
O programa previsto para este día de peche será a actuación de todas as compañías cun pequeno estrato das súas coreografías ás 13:00 horas na rúa da Raíña.
Pola tarde, a partir das 20:30 horas, actuará na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial de Lugo o Espazo de Danza Universitario da USC, e as universidades de Estremadura e A Coruña e, por vez primeira nesta edición, o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. Todas as actuacións están abertas ao público en xeral e son gratuítas.
As coreografías desta sétima edición abordan temáticas e propostas artísticas moi distintas. Así, o Espazo de Danza Universitario que dirixe o director do encontro leva ao escenario ‘O movemento dos soños’, unha visión coreografiada do legado do ex reitor da USC Alejandro Rodríguez Cadarso na conmemoración no 75 aniversario do seu pasamento.
Os estremeños dirixidos por Pablo Molero presentarán ‘Water Dolls’, unha historia de sereas, cruzamento de xéneros sen identidade fixa, que inducen aos humanos a pecar, vítimas das súas propias debilidades. Tamén dos entresixos propios da existencia trata a coreografía da Aula de Danza da Universidade da Coruña, ‘Ver fondo do envase’, que fala da supervivencia, un acto case obrigado no día a día, e de como podemos atoparnos a nós mesmos se o único ensino que recibimos é o de recubrirse de capas grosas para resistir esta realidade esaxerada.
Pola súa banda, a Aula de Danza da Universidade da Coruña escenificará ‘Ver fondo do envase’, baixo a dirección de Ruth Balbís, e o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo representará ‘Les Croix’, baixo a batuta de Raquel González.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.04.2009.