O VII Premio Aresa distingue a traxectoria das cen adegas e os 2.897 viticultores integrados no Consello Regulador da Ribeira Sacra
O Consello Regulador da Ribeira Sacra recibiu hoxe venres en Lugo o VII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que recoñece a traxectoria das cen adegas e os 2.897 viticultores integrados no Consello desta Denominación de Orixe. No acto participaron o reitor da USC, Senén Barro, a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, o director xeral de Investigación da Comisión Europea galardoado co IV Premio Aresa, José Manuel Silva, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras. O galardón foi recollido polo presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez González, nunha cerimonia celebrada na Facultade de Veterinaria.
O acto, ao que acudiron varios centenares de persoas, contou coa presenza, entre outras personalidades, do alcalde de Lugo, López Orozco; o presidente da Deputación Provincial, Francisco Cacharro; o delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras; o presidente de Caixa Rural Galega, José María Pardo; o director do IBADER, Pablo Ramil; así como representantes de distintas entidades financeiras, delegados provinciais, directores xerais, e os integrantes do Consello Regulador de Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
O reitor Senén Barro abriu a cerimonia dando paso ao recoñecido investigador e catedrático Francisco Díaz-Fierros Viqueira, quen pronunciou a conferencia maxistral analizando un tema de actualidade como a conservación dos recursos naturais fronte aos lumes nos montes. A cerimonia continuou coa lectura do fallo por parte do secretario do xurado e vicerreitor do campus de Lugo, Carlos Herrero, intervindo a continuación, para destacar os méritos do premiado Consello Regulador Ribeira Sacra, José Manuel Silva Rodríguez. Na recollida do galardón o presidente da Ribeira Sacra agradeceu o mesmo en nome de todos os integrantes da Denominación de Orixe. Pola súa banda, o presidente de Aresa subliñou que o premio “é, ademais dun acto de xustiza, unha lección de historia e unha proposta de futuro, onde se conxugan de maneira exemplar a identidade e a modernidade, e a sostibilidade dun mundo que, polo camiño que íamos, ameaza con derrubarse”.
Con este premio, tanto Aresa como a Universidade compostelá quixeron destacar o pulo empresarial e a profesionalización da xestión dos produtores da Ribeira Sacra e a labor do persoal e técnicos do Consello Regulador de Denominación de Orixe. O xurado tamén encomiou a súa aposta por garantir a calidade dos seus viños. Ribeira Sacra dispón de máis de 1.200 hectáreas de viñedos rexistrados, e a produción no último ano alcanzou os cinco millóns de quilos de uva.
A historia da Denominación de Orixe remóntase ao ano 1993, cando se aprobou a denominación Viños da Terra, pero o despegue definitivo e progresivo non se produce ata 1996 coa aprobación definitiva da Denominación de Orixe. A súa filosofía basease na profesionalidade da xestión dunha comunidade de produtores como regra sagrada para competir con acerto nos mercados.
Este galardón quixo tamén recoñecer ao Consello Regulador da Ribeira Sacra a boa aplicación dos seus cometidos esenciais como son garantir a orixe do produto, asegurar a calidade do mesmo e promocionar os viños producidos ao amparo da Denominación de Orixe. Nos aspectos puramente produtivos, o persoal cualificado do Consello e unha comisión técnica independente se encargan dos controis para que o produto final cumpra as normas previstas.
Premio AresaO Premio Aresa vai xa pola súa sétima convocatoria, con recoñecido prestixio na busca da prosperidade económica acorde coa importancia estratéxica do medio rural. O galardón está dotado con 10.000 euros e diploma de mérito.
O xurado da VII edición do Premio Aresa estivo integrado por dúas destacadas personalidades do mundo académico e do sector como o catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola na Universidade de Santiago, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, e o reitor da Universidade Autónoma de Barcelona, Lluís Ferrer Caubet. Completaron o xurado o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, o propio reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o vicerreitor do Campus de Lugo, Carlos Herrero.