Os VIII Premios Rosalía de Castro entregaranse este venres no Colexio de Fonseca da USC
O reitor Juan Casares presidirá este venres 17 o acto de entrega da VIII edición dos premios ‘ Rosalía de Castro’ que promoven o Centro PEN Galicia. A cerimonia celebrarase a partir das 20:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, contando ademais coa presenza do conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña, do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e do presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar.
Estes galardóns bianuais instituíronse en 1996, sendo presidente do Centro Carlos Casares, para destacar a traxectoria literaria de catro personalidades relevantes do mundo das letras en lingua portuguesa, castelá, catalá e vasca. Nesta ocasión os premios recaeron en Itxaro Borda (lingua vasca), Lêdo Ivo (lingua brasileira), Antonio Gamoneda (lingua castelá) e Francesc Parcerisas (lingua catalá).
Os premiados nesta edición súmanse a unha cadro de escritores entre os que se atopan José Saramago, Torrente Ballester, Bernardo Atxaga, Joan Perucho, António Lobo Antunes, Manuel Vázquez Montalbán, José Ángel Valente, Sophia de Mello, Pere Gimferrer. Anjel Lertxundin, Ernesto Sábato, Nélida Piñón, Carme Riera, Felipe Juaristi, Isabel Allende ou Jon Kortazar, entre moitos outros autores e autoras.