Vinte anos de portas abertas

A Biblioteca Intercentros do Campus Terra, o primeiro edificio deseñado e construído para ser biblioteca da USC nos seus 500 anos de historia, está de aniversario, xa que este mes de decembro cumpre vinte anos a inauguración da súa sede, unha efeméride lembrada este xoves coa celebración dun acto simbólico, a través do que tanto os responsables universitarios como o propio persoal que traballa e rexe o rumbo desta biblioteca, pretenden poñer en valor un servizo universitario que xa goza do recoñecemento do alumnado e cuxo funcionamento tamén é obxecto de eloxios nos procesos externos de avaliación da calidade.
A Biblioteca Intercentros da sede universitaria luguesa, unha construción singular deseñada polo arquitecto Santiago Catalán e na que a luminosidade e os espazos abertos non deixan oco ás barreiras arquitectónicas, abriu a súas portas en 1997. A posta en marcha deste novo servizo, cuxas instalacións favorecen e contribúen á relación permanente entre persoas e libros, constituíu toda unha novidade na aínda emerxente sede universitaria luguesa.
A directora da Biblioteca Intercentros, Julia Cantalapiedra, quen, xunto co vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, participou no acto conmemorativo desta efeméride, salientou que a apertura deste novo edificio “foi unha novidade, pero non a única”. Para o público usuario, a aparición deste servizo implicou cambios e melloras, algunhas asociadas á centralización dos fondos bibliográficas, o que brinda a posibilidade de atopar nun mesmo lugar as coleccións antes espalladas polas diferentes facultades e escolas universitarias, e outras derivadas do tránsito dunha biblioteca manual a outra automatizada.
Ao longo destas dúas décadas, a biblioteca, que permanece aberta máis de 350 días ao ano, mellorou a súa oferta de servizos ao tempo que procedeu á progresiva ampliación de horarios, sobre todo en épocas de exames. O desenvolvemento de actividades de difusión cultural, a organización de centros de interese de temática diversa, así como de cursos de formación, a participación en programas de doutoramento, seminarios estivais... contribúe tamén á dinamización da vida cotiá da Biblioteca Intercentros de Lugo, cuxo fondo bibliográfico supera na actualidade os 100.000 volumes, dos que un 90% son de libre acceso. Ademais, como parte integrante da Biblioteca da USC (BUSC) ofrece una importante colección de libros y revistas electrónicas.
‘Que 20 anos non son nada’
A posta en escena da peza ‘Que 20 anos non son nada’, unha obra dirixida por Juan Carlos Zahera e con coreografía de Rosa Acuña, a cargo da compañía Danza USC-Lugo, foi o epicentro das celebración desta efeméride. Os artistas do Espazo de Danza da USC, outro servizo universitario que tamén está de 20 aniversario, integrados na compañía luguesa Sonia L. Pumarega, Beatriz Morais, Adrea Naveira e Álvaro Rodríguez foron os encargados de interpretar esta coreografía, que estivo precedida dunha intervención musical a cargo de Eva de la Torre.