A violencia de xénero abordarase dende diversas perspectivas nunha xornada en Santiago a final de mes
Persoal experto e axentes directamente implicados na problemática da violencia de xénero abordarán esta cuestión dende as perspectivas médico-legal, xurídica, asistencial e policial nunha xornada a celebrar o 29 de setembro en Santiago. Participarán o fiscal delegado de violencia sobre a muller da Coruña, traballadores sociais, membros da policía xudicial, médicos e avogadas que coas súas intervencións axudarán a comprender mellor a actuación dos corpos de seguridade e do Ministerio fiscal e os recursos sociais, a actuación sanitaria e a asistencia letrada dirixida ás vítimas da violencia de xénero. O encontro está organizado conxuntamente polo Departamento de Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses da USC, o Instituto de Criminoloxía e o Colexio de Avogados de Santiago, onde se desenvolverá. As persoas interesadas en asistir dispoñen de prazo ata o 23 de setembro para inscribirse.